O Jazz de Ría celebra o seu décimo aniversario cunha apertura marcada pola eclipse solar en Cedeira

O festival Jazz de Ría dará comezo á súa décima edición o vindeiro 12 de agosto cunha inauguración moi especial coincidindo coa eclipse solar total, un acontecemento astronómico que poderá contemplarse desde o miradoiro de San Antón de Corveiro, en Cedeira, considerado un dos mellores puntos da costa galega para observar este fenómeno, cun tempo de totalidade de 1 minuto e 43 segundos.
A organización escolleu este enclave para abrir a programación do décimo aniversario do festival cunha proposta que combinará música, natureza e astronomía nunha experiencia única. Para facilitar o acceso ao espazo e contribuír á súa conservación, a chegada ao miradoiro só poderá realizarse a pé ou mediante autobuses lanzadeira gratuítos habilitados polo propio festival. Os vehículos sairán ás 18.30 horas desde o Paseo Arriba da Ponte, no centro de Cedeira, e realizarán tamén o servizo de regreso unha vez rematado o concerto inaugural.
Ademais, o público recibirá lentes homologadas para poder seguir a eclipse con todas as garantías de seguridade.
A programación arrancará ás 19.00 horas cunha sesión especial creada por DJMIL especificamente para acompañar a evolución da eclipse. A proposta musical irá adaptándose ao cambio da luz ata o momento da totalidade, convertendo o fenómeno nunha experiencia inmersiva na que se fusionarán a paisaxe, a astronomía e a creación sonora.
Unha vez recuperada a luz, será a quenda de Xabier Díaz, encargado de ofrecer o concerto inaugural desta edición tan significativa para o festival. O artista presentará un formato especial en cuarteto cun repertorio que mestura a música tradicional galega co jazz e o folk, dentro dunha programación inspirada no centenario do nacemento de Miles Davis e na singular relación entre o lendario músico estadounidense, o son do chifre do afiador ourensán José María Rodríguez e a tradición musical galega.
Desde a organización recomendan utilizar o transporte habilitado e acudir con suficiente antelación, xa que se agarda unha elevada asistencia debido á coincidencia entre o inicio do festival e un dos eclipses máis importantes das últimas décadas.
Tras esta xornada inaugural en Cedeira, o Jazz de Ría continuará ata o 16 de agosto cun percorrido por Valdoviño, Narón e Neda, reunindo artistas procedentes de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda, Estados Unidos e Galicia, na que será a edición máis internacional da historia do certame.
A sesión inaugural do Jazz de Ría está promovida polo Concello de Cedeira, conta coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña e co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua.