O máster Erasmus Mundus RESCO de Ferrol abre a inscrición para o curso 2027/28

O máster Erasmus Mundus Renewable Energy and Sustainable Construction (RESCO), que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), abriu este luns, 16 de novembro, o prazo de inscrición para a súa segunda edición, correspondente ao curso 2027/28. A titulación internacional ofrece un total de 35 prazas e conta con 17 bolsas Erasmus Mundus destinadas a cubrir os gastos de matrícula, mobilidade e manutención do alumnado.
O programa, financiado pola Comisión Europea e cunha duración de dous cursos académicos (120 créditos ECTS), busca formar profesionais capaces de deseñar infraestruturas sostibles. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 28 de febreiro de 2027 a través dun portal web xestionado pola Budapest University of Technology and Economics (BME), de Hungría.
Para acceder ao máster é necesario contar cun título universitario de grao ou licenciatura en Enxeñaría Civil, Enxeñaría Mecánica, Arquitectura ou algunha disciplina afín, ademais de acreditar un nivel B2 de inglés.
A formación contempla un itinerario de mobilidade polos catro países que integran o consorcio universitario. O primeiro cuadrimestre desenvólvese en Hungría, o segundo en España e Portugal e o terceiro en Francia. Durante o cuarto, o alumnado realizará as prácticas curriculares e o Traballo de Fin de Máster (TFM).
Na Universidade da Coruña, os estudantes afondarán en ámbitos como a construción sostible e a eficiencia enerxética da man do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, situada no campus da Coruña.
Un consorcio de cinco universidades europeas
O máster está impulsado por un consorcio integrado por cinco universidades de España, Portugal, Francia e Hungría: a Budapest University of Technology and Economics (BME), a Universidade da Coruña (UDC), a Universidade do Minho (UMinho), o INSA Rouen Normandie e a Université Le Havre Normandie (ULHN).
A iniciativa conta tamén co respaldo de empresas e entidades nacionais e internacionais, entre elas Saint-Gobain ISOVER, Iberdrola, TUBACER, Alcoa, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), CASAIS, GREENLAB, DST Group, Skyborn Renewables e Cerema.
A primeira promoción chegará a Ferrol en febreiro
A apertura desta segunda convocatoria coincide co desenvolvemento da primeira edición do máster, correspondente ao curso 2026/27. Os seus 20 estudantes, procedentes de 16 países de catro continentes, están a cursar actualmente o primeiro cuadrimestre na universidade húngara BME e chegarán á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol o vindeiro 10 de febreiro de 2027 para comezar as clases do segundo cuadrimestre.
Esta primeira promoción reúne alumnado de Afganistán, Bangladesh, Brasil, Ecuador, España, Estados Unidos, Ghana, India, Irán, Nepal, Paquistán, Quenia, Rusia, Tailandia, Uganda e Zambia.