O Meirasland medra na súa terceira edición cun cartel encabezado por Selecta e unha nova zona de lecer

Valdoviño volverá converterse o vindeiro 8 de agosto nun dos puntos de encontro da música electrónica en Galicia coa celebración da terceira edición do Meirasland, un festival que continúa medrando tanto en programación como en servizos para o público. A cita desenvolverase en Meirás, nun espazo próximo á praia, e reunirá durante máis de doce horas a unha decena de artistas do panorama electrónico.
O cartel desta edición estará encabezado por Selecta, DJ e produtor que suma centos de miles de oíntes mensuais nas plataformas dixitais. Xunto a el actuarán DJ Rajobos & Nev, New Beat Order, Brunokavi, Telmo Brea, El Cejas, Sebas Rdgz, Cris Orube e DJ Charlie, entre outros nomes que completarán unha programación que se prolongará ata a madrugada.
Como principal novidade, o festival incorporará este ano a colaboración con Filispín, un mercado dedicado a marcas emerxentes e deseño independente que abrirá as súas portas desde as 13.00 horas. Deste xeito, a organización busca ampliar a experiencia máis aló dos concertos, combinando música, comercio local e propostas de ocio antes do inicio das actuacións, previstas para as 18.00 horas.
O recinto contará tamén cunha zona de food trucks e volverá ofrecer un servizo gratuíto de autobuses para facilitar os desprazamentos dos asistentes desde Ferrolterra e a comarca de Ortegal, unha medida coa que se pretende favorecer unha mobilidade máis cómoda e segura durante a celebración do evento.
Na súa terceira edición, o Meirasland continúa consolidándose como unha das citas musicais do verán en Ferrolterra, apostando por unha programación centrada na música electrónica e por unha oferta complementaria que busca atraer público chegado de diferentes puntos de Galicia.