O Museo Etnográfico da Capela convoca o Premio Sementeira 2026 en defensa do patrimonio cultural galego

A Asociación Patronato do Museo Etnográfico da Capela convoca unha nova edición do Premio Sementeira, correspondente a 2026, co obxectivo de recoñecer o labor de persoas e colectivos que destaquen pola súa traxectoria na defensa, normalización, conservación, protección e difusión do patrimonio cultural de Galicia, especialmente nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
O galardón está dirixido a institucións, asociacións, entidades, centros de estudos e outras organizacións, así como a persoas que desenvolvan un traballo salientable a prol do patrimonio histórico, artístico e etnográfico galego.
As candidaturas poderán presentarse ata o 21 de outubro, achegando información que avale a defensa e o apoio ao colectivo ou á persoa proposta. As solicitudes poden enviarse por correo electrónico ao enderezo info@museoacapela.gal ou por correo ordinario ao Museo Etnográfico da Capela, situado no Pazo, 15613 A Capela.
As propostas poden ser presentadas polas propias persoas ou entidades interesadas, por membros do xurado ou por calquera outra persoa ou organización. Neste último caso, será necesario acreditar o consentimento da persoa ou das persoas candidatas.
O xurado estará integrado por tres persoas coñecedoras da actividade cultural da comarca e por un representante da asociación convocante, que exercerá as funcións de secretario sen dereito a voto. Unha vez emitido o fallo, a secretaría comunicarallo á persoa ou entidade premiada para coñecer a súa aceptación ou renuncia. A decisión será inapelable.
O premio consistirá nun recoñecemento simbólico e artístico que se entregará o 28 de novembro, durante as XXI Xornadas Museísticas. Ademais, a revista O Retorno, no seu número 20, publicará un texto laudatorio sobre a persoa ou o colectivo galardoado.
A convocatoria toma como referencia unha reflexión de Florentino López Cuevillas na súa obra Prosas galegas, na que destaca o valor de calquera traballo, grande ou pequeno, realizado en nome de Galicia.