O PCG de Ferrolterra critica a programación infantil da Feira da Cervexa e pide retirar varias actividades

A Feira da Cervexa e Foodtrucks, que se celebra na Praza de Armas de Ferrol ata o domingo 9 de agosto, ofrece unha programación que combina postos de cervexa artesá, gastronomía, música en directo e actividades paralelas dentro da denominada 'Ruta do Lúpulo en Ferrol'. Entre elas figuran varias propostas dirixidas ao público infantil, como un concurso para decorar unha lata de cervexa, un concurso de chapas e lata de cervexa e un taller denominado 'cata e taller para cervexeiros nenos'.
A inclusión destas actividades motivou un comunicado do Comité Comarcal do Partido Comunista de Galicia (PCG) en Ferrolterra, no que a formación critica que se programen iniciativas infantís nun evento centrado na promoción da cervexa. O partido considera que este tipo de propostas transmiten unha mensaxe inadecuada ao vincular a infancia cun produto alcohólico.
No escrito, o PCG solicita a retirada das actividades infantís relacionadas coa temática da cervexa e reclama explicacións públicas por parte da Concellería de Xuventude e Festas sobre os criterios empregados para aprobar a programación. Ademais, pide que en futuras edicións se diferencien claramente as actividades destinadas á infancia das vinculadas á promoción de bebidas alcohólicas.
A formación tamén solicita o cesamento do concelleiro de Xuventude, Festas, Novas Tecnoloxías e Marca Ferrol, Arán López Martínez, ao que responsabiliza da programación. Polo momento, o Concello de Ferrol non realizou ningunha valoración pública sobre as críticas formuladas polo PCG.