O persoal do Concello de Cariño retoma as mobilizacións pola falta de avances na RPT

FerrolXa
Os traballadores convocan unha manifestación este sábado e unha concentración coincidindo co próximo pleno para reclamar unha negociación 'de boa fe' e reforzos nos servizos públicos
CARIÑO folga
31 Jul 2026

O persoal do Concello de Cariño retomou este venres as mobilizacións para reclamar avances na negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT), un proceso que, segundo denuncian, permanece paralizado desde hai case dous meses.

Traballadores e traballadoras protagonizaron unha cazolada diante da Casa Consistorial e teñen convocada para este sábado 1 de agosto unha manifestación polas rúas da vila, que partirá ás 12.00 horas desde O Sagrón. Ademais, anuncian unha nova concentración o xoves 6 de agosto, coincidindo coa celebración do pleno municipal, prevista para as 19.45 horas diante do Concello.

A representación do persoal explica que as protestas se reactivan ante a falta de avances na negociación da RPT e acusa ao Goberno local de non mostrar vontade para pechar un acordo. Segundo sinalan, a última reunión entre ambas as partes celebrouse o pasado 8 de xuño e desde entón non se produciron novos contactos.

Os traballadores lembran que a comezos de maio decidiron suspender provisionalmente a folga indefinida que tiñan convocada despois de que a alcaldesa presentase un borrador da RPT. Con todo, consideran que o documento estaba incompleto e que o calendario de negociacións acordado non serviu para avanzar na súa aprobación.

A representación sindical tamén fai referencia á resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que, segundo sostén, confirma a obriga do Concello de negociar e aprobar a Relación de Postos de Traballo tras desestimar o recurso presentado polo Goberno municipal contra unha sentenza previa do xulgado de Ferrol.

O conflito, engaden, non afecta unicamente ás condicións laborais e salariais do persoal, senón tamén ao funcionamento dos servizos municipais. Como exemplo, apuntan á situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), onde aseguran que actualmente só prestan servizo tres traballadoras, o que provoca sobrecarga laboral e dificulta a atención á veciñanza.

Por este motivo, o persoal reclama a aprobación dunha RPT que permita mellorar as condicións de traballo e garantir, ao mesmo tempo, uns servizos públicos dotados dos recursos humanos necesarios para atender as necesidades da cidadanía.

0.084384918212891