O Proxecto Guizo leva a Narón ciencia, primeiros auxilios e circo en galego

O Proxecto Guizo volverá este outono a ofrecer ás familias de Narón unha alternativa de lecer na que o galego será a lingua de comunicación. A iniciativa, impulsada polo Concello a través do Servizo de Normalización Lingüística, está dirixida a nenas e nenos de 6 a 12 anos e combina actividades prácticas coa natureza e coa aprendizaxe en familia.
A programación inclúe tres propostas, todas elas en sábado e no Centro Cívico Social do Couto, a partir das 11:00 horas. A primeira cita será o 10 de outubro, cun obradoiro de Arenaria titulado 'A maxia da ciencia'.
A actividade achegará a ciencia ás familias a través de diferentes experimentos para explicar fenómenos físicos e químicos presentes en trucos que poden parecer máxicos. Entre as propostas estará comprobar se os zapateiros poden camiñar sobre a auga, se é posible conseguir a invisibilidade ou como facer lume na man sen queimarse.
A segunda actividade terá lugar o 7 de novembro e estará dedicada aos primeiros auxilios na montaña. O obradoiro correrá a cargo do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, que ensinará de forma práctica como actuar ante situacións que poden producirse durante unha saída pola natureza, como golpes, feridas, fracturas, torceduras, golpes de calor, picaduras ou mordeduras.
Unha última cita dedicada ao circo
O programa rematará o 21 de novembro cun obradoiro de circo impartido por Os Picos do Sol. Nais, pais, nenas e nenos poderán participar conxuntamente nunha actividade baseada no xogo e na aprendizaxe das técnicas básicas desta disciplina.
Durante a sesión poderán probar diferentes elementos e habilidades, entre eles o prato chinés, o diábolo, os malabares, os zancos, o monociclo ou o cable de equilibrio.
A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, animou as familias a participar nunha proposta que pretende crear espazos de relación en galego fóra do ámbito escolar. 'Queremos que nenas, nenos e persoas adultas compartan un tempo de lecer na natureza no que o galego sexa a lingua natural da conversa', sinalou.
Todas as actividades serán gratuítas, aínda que será necesario realizar inscrición previa. As familias deberán enviar un correo electrónico a a.pita@naron.gal indicando o nome da actividade, o nome e idade da nena ou neno participante, os datos da persoa acompañante, un correo electrónico e un teléfono de contacto.