O rock de Queen, Dio e os clásicos españois tomarán Neda na nova Noite de Bolos

FerrolXa
McKuin, Lady Evil e Clandestinos protagonizarán o 5 de setembro unha nova edición da Noite de Bolos, que servirá como antesala da Festa do Pan
NEDA noite de bolos
22 Aug 2026

As guitarras eléctricas e os grandes clásicos do rock serán os protagonistas da próxima Noite de Bolos de Neda, que xa ten cartel para a súa nova edición. A cita celebrarase o sábado 5 de setembro na contorna do albergue de peregrinos e volverá ofrecer música en directo de maneira gratuíta como antesala da XXXVI Festa do Pan de Neda.

Nesta ocasión, o certame aposta especialmente polas bandas tributo. O cartel estará encabezado por McKuin, formación ferrolá que leva 27 anos sobre os escenarios rendendo homenaxe a Queen.

O público poderá cantar algúns dos temas máis coñecidos da banda británica liderada por Freddie Mercury, desde 'Bohemian Rhapsody' ata 'We Will Rock You' ou 'We Are the Champions'. A formación combina a esencia dos temas orixinais con arranxos próximos ao hard rock e un marcado carácter festivo.

A banda conta na actualidade con dúas guitarras, baixo, batería, teclado e voz. Manuel é o único integrante que permanece desde os primeiros tempos do grupo.

O cartel complétase con Lady Evil, unha formación creada hai dúas décadas para homenaxear a grandes nomes do hard rock e o heavy dos anos 80, entre eles Iron Maiden, Judas Priest e Scorpions. Despois dun período de parón, o grupo retomou a súa actividade en 2026 cun espectáculo centrado no legado de Ronnie James Dio, coa voz de Susana Adalid como un dos seus principais sinais de identidade.

A terceira proposta da noite será Clandestinos, banda coruñesa formada por cinco músicos con ampla experiencia sobre os escenarios. A súa actuación estará dedicada ao rock español, cun repertorio que recupera e reinterpreta clásicos de grupos e artistas como Barricada, Loquillo ou Leño.

Deste xeito, a Noite de Bolos ofrecerá unha combinación de rock internacional e nacional pensada para cantar e bailar durante unha velada que servirá tamén para ir quentando motores de cara á Festa do Pan de Neda.

O evento está organizado polo Concello de Neda e conta co patrocinio da Deputación da Coruña, así como co apoio de Turismo de Galicia e Abanca. O cartel desta edición foi deseñado polo deseñador gráfico Juanlu Nacha.

0.38003182411194