O Samaín encherá de maxia e misterio as rúas de Cariño

A ANPA A Basteira e o Concello de Cariño organizan unha nova celebración do Samaín con actividades para diferentes idades durante o venres 30 e o sábado 31 de outubro.
A primeira xornada comezará ás 18.00 horas do venres co tradicional 'truco ou trato', no que os máis pequenos poderán percorrer distintos establecementos da vila para recoller lambetadas.
Como novidade, este ano tamén se organizará un concurso de escaparatismo. Os nenos e as nenas poderán votar polos escaparates que máis lles gusten, e os sorteos correspondentes realizaranse nos días posteriores. Ademais, o alumnado de sexto de Educación Primaria contará cun posto no Mercado Municipal para vender produtos doces e salgados e recadar fondos para a excursión de fin de curso.
Un percorrido nocturno polo paseo marítimo
Un dos momentos centrais da programación chegará ás 20.30 horas, coa saída do percorrido nocturno do Samaín desde o mural de Cariño. A ruta discorrerá polo paseo marítimo sen alumeado público, co obxectivo de crear unha atmosfera acorde coa celebración.
Ao remate do percorrido, os participantes achegaranse ao Parque da Confraría para coñecer un auténtico bruxo celta, que lles contará a historia do Samaín.
Actividades para toda a familia no Mercado Municipal
A programación continuará o sábado 31 de outubro a partir das 17.30 horas no Mercado Municipal. Durante a tarde haberá castañas asadas, un inchable xigante, unha cociña terrorífica, xogos tradicionais e un obradoiro creativo.
A organización anima os asistentes a acudir disfrazados coas súas propostas máis terroríficas para gozar dunha celebración que combina tradición, diversión e actividades para compartir en familia.