O Talentiño reunirá en Canido música, danza e maxia nun festival solidario contra o cancro

O talento de varias xeracións de participantes de O Talentiño volverá reunirse nun escenario por unha causa solidaria. O domingo 8 de novembro, ás 17:00 horas, o Centro Cívico de Canido acollerá O Talentiño Solidario, un festival benéfico que combinará música, danza e maxia para recadar fondos destinados á loita contra o cancro e ao apoio das persoas afectadas e das súas familias.
A iniciativa, organizada coa colaboración da Asociación Veciñal de Canido, celebrarase baixo o lema 'O talento que nos une, a solidariedade que nos move'. A presentación estará a cargo de Joaquín Enríquez e Rebeca Collado, habituais nas galas do certame, e contará tamén coa presenza dos catro fundadores de O Talentiño: Lucía Pérez, Xabier Vizcaíno, Joaquín Enríquez e Eva Faraldo.
O cartel reunirá artistas premiados e finalistas de diferentes edicións. Na categoría vocal participarán Sofía Hernández, gañadora en 2025, e Antía Barona, vencedora en 2026, xunto coas finalistas Nuria Cornide e Sabela Castro.
A música instrumental estará representada por Paula Seoane, gañadora da categoría de instrumentistas en 2025, que actuará ao piano, e por Xiana Ruiz, finalista daquela edición, que tocará a arpa. O programa completarase coa actuación de Julia Pérez, gañadora de danza lírica en 2024, e de Meigo Simón, vencedor da categoría de variedades en 2025, que achegará a súa proposta de maxia.
Tamén participará Marcos Mella, primeiro artista convidado da edición inaugural de O Talentiño, nun reencontro cun proxecto que acompañou desde os seus comezos.
A recadación irá destinada a dúas entidades
A totalidade dos fondos recadados repartirase entre dúas entidades vinculadas á atención oncolóxica. Unha delas conta cunha ampla traxectoria no impulso da investigación, a prevención e o acompañamento ás persoas diagnosticadas de cancro e ás súas familias, ademais de ter presenza en Ferrolterra. A outra é ASARGA, asociación centrada nos sarcomas, un grupo de cancros pouco frecuentes que poden afectar tanto aos ósos como aos tecidos brandos.
A organización busca así apoiar o traballo destas entidades e contribuír tamén a dar visibilidade á necesidade de investigación e recursos para facer fronte a estas enfermidades.
O acceso ao festival funcionará mediante o sistema de entrada inversa, polo que cada persoa poderá realizar unha achega voluntaria segundo as súas posibilidades. Ademais das actuacións, haberá vendas e sorteos solidarios para incrementar a recadación.
Co apoio da Asociación Veciñal de Canido, de empresas, entidades e persoas colaboradoras, O Talentiño Solidario pretende converter o encontro nunha tarde aberta á veciñanza, na que a música e as artes escénicas se poñan ao servizo dunha causa común.