O Talentiño Solidario enche o Centro Cívico de Canido e recada máis de 500 euros contra o cancro

O Centro Cívico de Canido encheuse este domingo, 8 de novembro, coa celebración de O Talentiño Solidario, unha edición especial do certame de novos talentos que combinou música, danza e maxia cunha finalidade benéfica. A iniciativa conseguiu reunir 518,30 euros, que se entregarán nas próximas semanas á Asociación Española Contra o Cancro e a ASARGA, entidade que presta apoio ás persoas afectadas por sarcomas.
A gala estivo presentada pola xornalista Rebeca Collado e por Joaquín Enríquez, cofundador de O Talentiño. A actuación inicial correu a cargo de Lucía Pérez, que interpretou 'Queda moita vida', unha canción escollida pola súa mensaxe de esperanza e apoio ás persoas afectadas polo cancro.
O escenario reuniu gañadores e finalistas de distintas edicións do certame. Participaron Julia Pérez Crespo, gañadora de Danza Lírica en 2025; Sofía Hernández e Antía Barona, vencedoras na categoría de Vocalistas en 2025 e 2026, respectivamente; e Meigo Simón, gañador de Variedades en 2025. Tamén actuaron as finalistas de Vocalistas Nuria Cornide e Sabela Castro.
A música instrumental estivo representada por Paula Seoane, ao piano e gañadora da categoría de Instrumentistas en 2025, e por Xiana Ruiz, á arpa e finalista daquela edición. O encontro contou ademais coa participación de Marcos Mella, primeiro artista convidado da edición inicial de O Talentiño, que ofreceu unha actuación conxunta co cofundador Xabier Vizcaíno. O peche chegou co Himno do Talentiño, interpretado por Lucía Pérez xunto a todos os artistas participantes.
Rifas e agasallos para recadar fondos
Os 518,30 euros obtivéronse a través da venda de rifas para os sorteos, das pulseiras de O Talentiño Solidario e dos broches solidarios. Entre os premios había unha cesta da Froitería Víctor de Canido, cadros, pezas de artesanía, unha camiseta asinada polas xogadoras do BAXI, discos dos fundadores do certame e produtos doados pola firma Toquetería.
Entre as persoas asistentes estiveron a Vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares; o concelleiro de Xuventude, Arán López; Nerea Purriños, en representación de Ferrol en Común; e Rafael Fernández Beceiro e Julián Reina, do PSdeG-PSOE.
Desde a organización agradeceron a asistencia do público, que encheu o salón de actos, así como a colaboración dos artistas, comercios, entidades e particulares que contribuíron coa súa participación e coas súas doazóns.