O teatro galego busca achegarse máis ás aulas cun novo circuíto escénico escolar

FerrolXa
O Pazo da Cultura de Narón reúne o sector profesional para analizar modelos de programación infantil e avanzar nun proxecto que podería comezar en 2027
NARÓN xornadas escena
29 Sep 2026

O Pazo da Cultura de Narón converteuse este martes nun punto de encontro para o sector profesional das artes escénicas galegas coa celebración dunha nova edición das Xornadas Escena Galega. O encontro, que se desenvolve entre as 10.00 e as 19.00 horas, céntrase nesta ocasión na relación entre teatro, escola e público infantil.

As xornadas, organizadas por Escena Galega co apoio e financiamento do Padroado da Cultura do Concello de Narón e da Deputación da Coruña, reúnen profesionais para analizar diferentes modelos de programación e circuítos escolares, compartir experiencias e buscar fórmulas que permitan achegar de maneira estable as artes escénicas aos centros educativos.

A apertura contou coa participación da presidenta de Escena Galega, Eva Alonso; a alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a deputada de Plans Provinciais da Deputación da Coruña, Cristina García Rey.

Nesta edición, baixo o título 'Programacións e circuítos escolares de artes escénicas: modelos, exemplos de boas prácticas e propostas de futuro', o sector pon o foco na situación actual da programación destinada á infancia e ás familias, especialmente no ámbito escolar.

Un dos principais anuncios da xornada é a presentación dun proxecto piloto para crear un circuíto escénico escolar galego, unha iniciativa que Escena Galega pretende poñer en marcha a partir de 2027. O obxectivo é establecer unha rede estable que facilite a presenza de espectáculos profesionais nos centros educativos de Galicia.

A presidenta de Escena Galega, Eva Alonso, sinalou que existe unha preocupación polo descenso da programación infantil e familiar e, especialmente, pola ausencia dun circuíto escolar galego estable que permita normalizar a relación entre os profesionais das artes escénicas e os centros de ensino.

O encontro pretende precisamente avanzar nese modelo, analizando experiencias xa existentes e diferentes formas de organizar a programación para o público escolar.

O acceso á cultura desde a infancia

Durante a apertura, a alcaldesa de Narón reivindicou o acceso á cultura como parte dos dereitos da infancia e destacou a responsabilidade das administracións públicas á hora de facilitar ese contacto desde idades temperás.

Marián Ferreiro puxo tamén en valor o papel que poden desempeñar disciplinas como o teatro, a danza ou a música no desenvolvemento das capacidades dos máis pequenos, ao favorecer espazos de encontro, empatía e pensamento crítico.

Como exemplo da aposta de Narón pola programación destinada ao público máis novo, a rexedora referiuse á Mostra de Teatro para a Infancia e a Mocidade (MOTIX), unha cita que o municipio organiza desde hai anos.

As Xornadas Escena Galega cumpren nesta edición 15 anos como espazo profesional de debate e reflexión sobre a realidade das artes escénicas en Galicia. O encontro busca nesta ocasión poñer o público infantil e a comunidade educativa no centro da análise.

A proposta dun circuíto escolar galego pretende dar un novo paso nesa dirección e facilitar que os centros educativos poidan acceder de maneira máis regular a programacións profesionais de teatro, danza e outras disciplinas escénicas.

0.13907599449158