O títere galego máis irreverente chega esta semana ao Camiño Inglés cunha tarde chea de actividades

FerrolXa
Barriga Verde no Camiño recalará este venres en Neda con obradoiros infantís, un pasarrúas e un espectáculo tradicional de títeres de cachiporra
NEDA barriga verde
7 Sep 2026

O personaxe máis irreverente e burlón do títere popular galego será protagonista este venres dunha completa tarde de actividades en Neda. A vila acollerá unha nova parada do proxecto 'Barriga Verde no Camiño Inglés', unha iniciativa que busca recuperar e divulgar esta figura tradicional a través de diferentes propostas artísticas.

O programa, promovido pola compañía Títeres Alakrán dentro de 'O teu Xacobeo' da Xunta de Galicia, está a percorrer dez municipios vinculados ás distintas rutas xacobeas. A proposta conta en Neda co apoio do Concello e coa participación de Morreu o demo.

A primeira actividade terá lugar ás 17.00 horas na Biblioteca municipal de Neda, onde se desenvolverá un obradoiro de construción de monicreques dirixido ao público infantil. Os participantes poderán elaborar o seu propio títere empregando materiais reciclados.

Para asistir a este taller é necesario inscribirse previamente. As reservas poderán realizarse a partir do mércores na Casa da Cultura ou a través do teléfono 981 390 233.

A programación continuará ás 18.30 horas cun pasarrúas pola rúa Real e polos Subarreiros protagonizado polo cabezudo de Barriga Verde. A figura estará acompañada de música popular e convidará veciñanza e visitantes a participar nunha proposta pensada para recuperar o ambiente das antigas representacións populares.

A xornada rematará ás 19.00 horas, ao pé da torre do reloxo, cun espectáculo de títeres de luva e cachiporra. A representación estará inspirada nas rutinas de Xosé Silvent, un dos grandes referentes desta tradición a comezos do século XX.

Con esta iniciativa preténdese achegar ás novas xeracións un personaxe que forma parte do patrimonio cultural galego e recuperar a súa presenza nos espazos públicos. Barriga Verde caracterízase polo seu carácter provocador, satírico e próximo ao público.

O Concello de Neda anima á veciñanza e ás persoas que visiten a vila a participar nesta proposta, que combina tradición, artesanía e teatro popular nunha única tarde.

0.10186290740967