O xefe da Policía Local de Ferrol abordará a seguridade cidadá nunha charla no Campus Industrial

O xefe da Policía Local de Ferrol, José Antonio Chao, protagonizará o vindeiro xoves 26 de novembro a charla 'Cidadanía Segura', organizada pola Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias no Campus Industrial de Ferrol. A sesión comezará ás 11:30 horas na Aula Magna da Facultade de Ciencias do Traballo e abordará diferentes cuestións relacionadas coa seguridade cidadá e as principais preocupacións da veciñanza.
A actividade está impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e busca fomentar unha reflexión sobre o papel dunha policía próxima, accesible e preventiva, así como a súa capacidade para responder ás necesidades da cidadanía e contribuír a unha convivencia máis segura.
Durante a sesión trataranse asuntos como a policía de proximidade e a atención ás persoas maiores, a efectividade das denuncias e a resposta ás demandas cidadás, así como a seguridade nos espazos públicos e nas zonas de lecer.
Unha entrevista sobre as preocupacións da cidadanía
A charla desenvolverase en formato de entrevista e contará coa participación de Antonio Polo, presidente da Asociación de Alumnos e Exalumnos da UDC Sénior en Ferrol, e Elena Mosquera, alumna do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial.
Ambos os dous trasladaranlle ao responsable policial as preocupacións, experiencias e demandas en materia de seguridade de diferentes xeracións, nun encontro que pretende favorecer o diálogo entre a cidadanía e os responsables dos servizos policiais.
A iniciativa está dirixida á comunidade universitaria, aínda que tamén está aberta ao público xeral interesado. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo da Aula Magna.
As persoas interesadas en asistir ou obter máis información poden contactar coa organización a través do correo electrónico sonia.zaragoza1@udc.es.