O 'Xuventude Crea 2026' de Teatro Pro premia dúas obras de Vigo e unha de Ferrol

GaliciaXa | FerrolXa
O primeiro galardón recae en ‘Planeta Pop. A Alien que se converteu en superestrela e a segunda distinción recoñece ‘Algo provisional’
telon-teatro-recurso
3 Nov 2026

A Xunta de Galicia acaba de celebrar no Salón Teatro, de Santiago de Compostela, a final da modalidade de Teatro Pro do certame Xuventude Crea 2026, da que resultou gañadora coa primeira distinción Planeta Pop. A Alien que se converteu en superestrela, das viguesas Lara Álvarez e Elsa Comesaña. Mentres, o segundo premio, pola súa banda, foi parar a Algo provisonal, presentado baixo o pseudónimo de Forza 5 Teatro polos ferrolanos Candela Ferro, Sandra Zarco e Roberto Vázquez. Finalmente, o terceiro recoñecemento recaeu en Oh, Sara, peza baseada nun traballo de fin de estudos de Pepa Sofía Suárez, natural da cidade olívica.

O certame da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que cumpre este ano a súa décimo sétima edición, convocou esta categoría de Teatro PRO para compañías de nova creación, profesionais emerxentes ou grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Precisamente, os membros integrantes das tres propostas gañadoras contan con formación neste centro público autonómico.

Así ocorre, por tanto, coa peza distinguida co primeiro premio Planeta Pop. A Alien que se converteu en superestrela, de Lara Álvarez e Elsa Comesaña, naturais de Vigo. Trátase dunha comedia na que se despregan actuacións musicais e durante as cales personaxes pintorescos son protagonistas de acontecementos curiosos.

Mentres, a segunda distinción foi parar a Algo provisional, presentado baixo pesudónimo de Forza 5 Teatro por Candela Ferro, Sandra Zarco e Roberto Vázquez, naturais de Ferrol. Nesta representación, o protagonismo da obra recae en dúas mulleres, a través das cales se abordan problemas actuais vencellados coa estabilidade laboral ou o acceso á vivenda.

Finalmente, o terceiro galardón de Teatro Pro do Xuventude Crea 2026 foi a Oh, Sara, proxecto presentado baixo o pseudónimo de Sara Bernhart por Pepa Sofía Suárez, viguesa con formación tamén na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que está baseado nun traballo de fin de estudos, en homenaxe ao nome e á figura da actriz francesa protagonista da peza. Trátase dun monólogo que permite afondar en primeira persoa nesta estrela da escena do século XIX e comezos do XX fóra dos focos e das ovacións.

Débese salientar que a peza gañadora do primeiro premio da modalidade de Teatro Pro contará, ademais da cantidade económica de 2.000 euros, coa posibilidade dunha colaboración co Centro Dramático de Galego para apoiar as persoas gañadoras no lanzamento do seu proxecto artístico. Finalmente, lembrar que todas as e os galardoados das 15 especialidades da edición deste ano do Xuventude Crea recibirán as distincións nunha gala, que se celebrará tras as finais en todas as categorías.

0.15469193458557