Odeón inaugura o Nadal cunha árbore de oito metros e a actuación do Coro Mosaico

O Centro Comercial Odeón dará este sábado a benvida ao Nadal co acendido da súa iluminación e unha actuación do Coro Mosaico, do Colexio Tirso de Molina. O acto comezará ás 19:00 horas na Praza de Eventos e marcará o inicio da programación do Nadal do centro comercial.
A decoración estará presidida por unha árbore de Nadal de oito metros de altura, coroada por unha estrela luminosa de 150 centímetros. A montaxe complétase con seis grandes escenas de photocall repartidas polo recinto, con figuras de Papá Noel, un oso, un grupo de renos, unha lúa, un esquío e outra árbore do Nadal.
A ambientación esténdese tamén polas dúas plantas do centro, onde se instalaron seis árbores de cristais de luz e guirnaldas LED en diferentes espazos comúns, como varandas, teitos, celosías das zonas de descanso e columnas.
O acendido coincidirá coa actuación do Coro Mosaico, que participa nesta cita desde 2011 e mantén así unha tradición que se repetiu de xeito ininterrompido durante estes anos. Nesta ocasión, a agrupación estará formada por 36 persoas: 29 nenos e sete adultos.