Ortigueira afonda na etapa de Álvaro Cunqueiro na vila 90 anos despois da súa chegada

A figura de Álvaro Cunqueiro e, especialmente, a etapa que viviu en Ortigueira entre outubro de 1936 e maio de 1937 centraron o Congreso "Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936", organizado pola Asociación Cultural Terras do Ortegal co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. O encontro reuniu máis de 50 persoas durante a tarde do venres e a mañá do sábado no Teatro de Beneficencia de Ortigueira, coincidindo co 90 aniversario da chegada do escritor mindoniense á capital do Ortegal.
A deputada provincial de Cultura, Natividade González, participou este sábado no acto de clausura dunha cita que puxo o foco nun período breve, pero de especial relevancia, tanto na vida persoal de Cunqueiro como na súa evolución intelectual. O escritor residiu en Ortigueira ata maio de 1937, nun momento no que atravesou importantes cambios persoais e políticos e no que iniciou a súa dedicación profesional ao xornalismo.
O programa do congreso contou coa intervención de destacados especialistas procedentes dos ámbitos universitario, histórico e literario. Entre os participantes estiveron Claudio Rodríguez Fer, Carlos Breixo Rodríguez, Jesús Blázquez González, Armando Requeixo, José Martinho Montero Santalha e María Camiño Noia, ademais da escritora Medos Romero, Premio da Crítica de poesía galega en 2022.
Durante a clausura, Natividade González salientou a necesidade de achegarse á figura de Cunqueiro atendendo tanto ao contexto histórico como ao territorio no que se desenvolveu a súa vida e a súa obra. "Non viñemos simplemente falar dunha das grandes figuras da literatura galega. Viñemos mirar con atención un momento moi concreto da súa vida: a súa chegada a Ortigueira hai agora noventa anos e aqueles meses, entre outubro de 1936 e maio de 1937, que coinciden ademais cun dos períodos máis duros e complexos da nosa historia", afirmou.
A responsable provincial de Cultura considerou especialmente significativo que o congreso se desenvolvese na propia localidade na que Cunqueiro residiu durante aqueles meses. Nese sentido, defendeu que coñecer os grandes referentes da cultura galega tamén pasa por afondar nos espazos, nos acontecementos históricos e nas circunstancias persoais que condicionaron as súas traxectorias.
"Coñecer os grandes nomes da nosa cultura tamén implica coñecer os lugares concretos, os momentos históricos e as circunstancias persoais que marcaron as súas traxectorias", sinalou Natividade González.
A deputada tamén reivindicou o valor da investigación histórica e cultural como parte esencial do traballo arredor do patrimonio. "Investigar todo iso tamén forma parte da cultura", afirmou, antes de defender unha aproximación á figura do escritor realizada "con rigor" e desde unha perspectiva contextualizada.
González definiu Cunqueiro como "un escritor extraordinario, fundamental para entender a literatura galega do século XX", pero incidiu tamén na importancia de analizar a súa dimensión persoal e a súa vinculación co contexto no que viviu. Así, describiuno como "un home inserido no seu tempo, cunha traxectoria vital, xornalística e política que debe ser estudada e contextualizada".
A deputada provincial aproveitou igualmente a clausura para poñer en valor o traballo da Asociación Cultural Terras do Ortegal, promotora do congreso, e o seu compromiso coa investigación e coa difusión da historia cultural da comarca. "Detrás dun congreso coma este hai investigación, documentación, organización e, sobre todo, un compromiso moi importante coa memoria e coa cultura deste territorio", destacou.
O encontro permitiu así abordar desde diferentes perspectivas os meses que Álvaro Cunqueiro pasou en Ortigueira, nunha etapa marcada polas transformacións que experimentou na súa vida e no seu percorrido intelectual e profesional. A presenza de investigadores e especialistas de diferentes ámbitos contribuíu a analizar este período desde unha visión contextualizada, poñendo en relación a figura do escritor co momento histórico e co territorio no que desenvolveu parte da súa actividade.
Na clausura, Natividade González tamén defendeu a importancia de que as institucións públicas apoien iniciativas culturais promovidas desde os propios territorios. Segundo explicou, este tipo de propostas permiten achegar o coñecemento histórico e cultural á cidadanía e evitar que quede limitado aos ámbitos universitarios ou aos grandes centros culturais.
"Desde a Deputación da Coruña entendemos que apoiar este tipo de iniciativas é tamén unha maneira de facer política cultural: contribuír a que o coñecemento non quede unicamente nas universidades ou nos grandes centros culturais, senón que chegue aos lugares onde a historia aconteceu e á cidadanía que habita eses territorios", afirmou.
O Congreso "Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936" pechou así dúas xornadas dedicadas a recuperar e estudar unha etapa concreta da traxectoria do escritor mindoniense, coincidindo cos 90 anos da súa chegada a Ortigueira e poñendo o acento na importancia de comprender a súa figura a partir do contexto histórico, territorial e persoal no que desenvolveu a súa actividade.