Os actos vandálicos no parque dos Subarreiros volven poñer o foco na seguridade en Neda

FerrolXa
O grupo MOVENEDA reclama convocar a Xunta Local de Seguridade e reforzar a Policía Local ante os últimos incidentes
actos-vandálicos-no-parque-infantil-dos-Subarreiros-NEDA
11 Aug 2026

Os danos rexistrados esta semana no parque infantil dos Subarreiros volveron poñer o foco na situación da seguridade en Neda. O episodio súmase, segundo denuncia MOVENEDA, a outros incidentes rexistrados nos últimos meses, entre eles pequenos roubos en vivendas, galpóns e garaxes, así como problemas de convivencia veciñal relacionados cunha vivenda presuntamente ocupada.

Ante esta situación, a formación lembra que xa solicitara en marzo a convocatoria da Xunta Local de Seguridade, órgano no que se coordinan os diferentes corpos e forzas de seguridade para analizar as incidencias e establecer medidas conxuntas. Segundo MOVENEDA, a petición non recibiu resposta e a Xunta Local de Seguridade non chegou a ser convocada.

A formación tamén cuestiona o número de efectivos da Policía Local de Neda e asegura que o municipio pasou de contar con cinco axentes hai unha década a dispoñer actualmente de dous. MOVENEDA considera insuficiente este cadro de persoal e reclama recuperar efectivos para garantir unha maior cobertura de seguridade no municipio.

Outra das propostas que recupera agora é a de mancomunar os servizos de Policía Local entre Neda, Fene, Cabanas, Ares e Mugardos. A formación considera que a cooperación entre os concellos do sur da ría permitiría reforzar os medios dispoñibles e mellorar a capacidade de resposta sen incrementar de maneira excesiva o gasto municipal.

Ante os últimos actos vandálicos, MOVENEDA reclama a convocatoria inmediata da Xunta Local de Seguridade, o reforzo da plantilla da Policía Local, a recuperación da proposta de mancomunación cos municipios veciños e unha maior información á veciñanza e aos grupos da oposición sobre as incidencias e as medidas adoptadas.

A formación critica ademais a resposta do Goberno local, ao que acusa de limitarse a lamentar publicamente os feitos sen poñer en marcha, ao seu xuízo, medidas estruturais para abordar os problemas de seguridade no municipio.

0.094593048095703