Os campamentos de Valdoviño recuperan a tradición dos cabezudos a través do proxecto Barriga Verde

FerrolXa
Os participantes nos Concilia Tempos Verán pecharon os obradoiros cun pasarrúas en Pantín tras aprender sobre o patrimonio dos títeres populares galegos
VALDOVIÑO morreu o demo
4 Aug 2026

Os nenos e nenas que participan nos campamentos Concilia Tempos Verán de Valdoviño achegáronse este verán ao patrimonio cultural galego da man do proxecto 'Da Barraca á aula. A memoria das festas', unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural Morreu o Demo para recuperar a figura de Barriga Verde, o títere popular máis coñecido de Galicia, e a tradición dos titiriteiros galegos.

Ao longo das últimas semanas, os participantes asistiron a diferentes obradoiros guiados polos titiriteiros Larraitz Urruzola e Anxo García, nos que coñeceron a historia deste personaxe e elaboraron os seus propios cabezudos, unha tradición moi presente nas festas populares galegas que foi perdendo protagonismo co paso do tempo.

A actividade concluíu cun pasarrúas polos arredores do local social de Pantín, no que os nenos e nenas estrearon as creacións realizadas durante os talleres, converténdose nos protagonistas dunha xornada que combinou creatividade, aprendizaxe e recuperación do patrimonio inmaterial.

A iniciativa forma parte do proxecto Barriga Verde, que busca divulgar entre as novas xeracións a tradición dos monicreques populares galegos e contribuír á conservación dunha parte importante da cultura festiva de Galicia.

0.10197496414185