Os contos das 'Mil e unha noites' cobran vida este mércores en Neda cun espectáculo familiar ao aire libre

O parque do Principiño converterase este mércores, 5 de agosto, nun escenario de contos e aventuras coa representación de 'Sherezade, Aladino e os tres beduínos', o novo espectáculo da compañía Teatro Ghazafelhos. A función comezará ás 20.30 horas e terá entrada gratuíta.
A proposta forma parte do programa municipal 'Miúdo verán. Cultura en familia', impulsado polo Concello de Neda para ofrecer actividades culturais dirixidas ao público infantil e familiar durante os meses de verán.
A compañía celebrará co público de Neda o seu vinte aniversario cun espectáculo de rúa protagonizado por tres beduínos que, a bordo do seu tradicional carromato, recrearán algunhas das historias máis coñecidas das 'Mil e unha noites', entre elas 'Aladino e a lámpada marabillosa' ou 'Alí Babá e os corenta ladróns'.
Fiel ao estilo de Ghazafelhos, a representación combinará humor, interpretación e técnicas de clown, fomentando ademais a participación activa dos nenos e nenas asistentes.
O ciclo 'Miúdo verán. Cultura en familia' está organizado polo Concello de Neda coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no marco do programa Cultura no Camiño, que busca dinamizar as rutas xacobeas durante o verán.