Os contos de medo da tradición galega toman o Castelo de Moeche polo Samaín

FerrolXa
Caxoto protagonizará este venres unha sesión de narración oral con historias sobre a Santa Compaña, o Lobisome e as mouras
MOECHE samain
30 Oct 2026

As historias máis misteriosas do imaxinario popular galego serán as protagonistas da celebración do Samaín no Castelo de Moeche. O Concello prepara para este venres 30 de outubro o contacontos 'Contos de medo que deixan durmir', unha proposta de narración oral na que o humor e o misterio se combinarán para achegar os máis pequenos ás lendas e personaxes da tradición galega.

A sesión estará conducida por Caxoto, de A Trastenda dos Contos, e comezará ás 19.00 horas. Durante a actividade, o público poderá achegarse a figuras tan coñecidas da cultura popular como a Santa Compaña, o Lobisome ou as mouras, protagonistas de numerosas historias transmitidas de xeración en xeración.

A proposta busca recuperar eses relatos que forman parte da memoria colectiva e que, especialmente nestas datas, volven cobrar protagonismo. As historias desenvolveranse arredor da imaxe da lareira, ese espazo tradicional no que durante anos se compartiron contos, lendas e sucesos misteriosos, nun ambiente pensado para espertar a curiosidade sen provocar demasiados sobresaltos.

Baixo o título 'Contos de medo que deixan durmir', a sesión pretende achegar o medo desde unha perspectiva lúdica e adaptada ás idades máis novas, combinando os elementos propios das narracións de Samaín con momentos para rir e participar.

O contacontos está dirixido a toda a familia e recomendado para nenos e nenas a partir de catro anos. A cita será no Castelo de Moeche, este venres 30 de outubro, ás 19.00 horas, dentro da programación organizada polo Concello con motivo do Samaín.

0.15401101112366