Os contos máis misteriosos da tradición galega chegarán á Capela para celebrar o Samaín

A Biblioteca Municipal da Capela celebrará o Samaín cunha sesión de contos de medo o vindeiro luns 2 de novembro. A actividade terá lugar ás 17.30 horas na Casa da Cultura e contará coa participación de Caxoto, da compañía A Trastenda dos Contos, co espectáculo 'Contos de medo que deixan durmir'.
A proposta recupera algúns dos personaxes máis inquietantes do imaxinario popular galego, como a Santa Compaña, a Morte, o Sacaúntos, o Lobishome, os tronantes ou as mouras. A través destas figuras, a narración achegará ás nenas e aos nenos as historias e lendas que forman parte da tradición oral galega, nunha sesión pensada para descubrir o medo desde o humor e a diversión.
O espectáculo busca achegarse á esencia máis misteriosa destes relatos sen provocar pesadelos, recuperando tamén o ambiente das antigas lareiras, arredor das cales se compartían contos e historias transmitidas de xeración en xeración. A intención é que os máis pequenos poidan coñecer estas figuras da cultura popular e gozar das narracións sen perder o sono.
Con esta actividade, o Concello da Capela suma unha proposta de carácter infantil á programación do Samaín, cunha cita na que a tradición oral e os relatos de misterio serán os protagonistas.