Os drons debuxan Ferrol no ceo para poñer o broche ás festas de verán

O ceo de Ferrol converteuse na noite deste luns nunha pantalla xigante para despedir as Festas de Verán. O espectáculo de drons sobre a ría puxo o toque máis visual á noite de San Ramón, cunha sucesión de figuras tridimensionais inspiradas en diferentes símbolos e elementos recoñecibles da cidade.
Os drons despegaron ás 23.30 horas desde o peirao de Curuxeiras, onde comezaron a formar diferentes figuras luminosas visibles desde numerosos puntos da cidade. O espectáculo converteu durante varios minutos o ceo e a ría nun escenario no que a identidade de Ferrol tivo un papel protagonista.
Entre as imaxes que puideron contemplar as persoas congregadas na zona portuaria e no baluarte apareceron as Meninas de Canido, o Makako, as grúas de Navantia, unha fragata e a F-111, ademais de referencias ao propio Ferrol, ao seu Concello, ao escudo e á bandeira da cidade.
Un dos momentos máis singulares foi precisamente a aparición da F-111 surcando o ceo, unha nova referencia incorporada ao espectáculo deste ano. Tampouco faltaron os guiños a acontecementos recentes, entre eles a vitoria no Mundial.
A exhibición de drons serviu como antesala dos tradicionais lumes de San Ramón, que comezaron arredor das 23.50 horas desde unha pontona situada na ría. A combinación das formacións luminosas e da pirotecnia fixo que miles de persoas se concentraran en puntos como Curuxeiras e o baluarte para seguir a despedida das festas.
A noite de clausura incluíu tamén música no peirao. París de Noia actuou desde as 20.30 horas en Curuxeiras, antes dos espectáculos de drons e pirotecnia, mentres que La Misión tomou o relevo posteriormente para prolongar a celebración.
Deste xeito, Ferrol pechou dez días de festas cunha noite marcada pola música, a luz e a pólvora, pero na que o espectáculo aéreo de drons se converteu nun dos grandes protagonistas da despedida do verán.