Os grandes éxitos dos anos 70 e 80 soarán en Narón cun concerto gratuíto de Fórmula V e Orquesta Mondragón

Unha viaxe musical polos grandes éxitos do pop e do rock español dos anos 70 e 80 chegará este venres 7 de agosto a Narón coa celebración de 'O Gran Guateque', un espectáculo que reunirá sobre o escenario a Fórmula V e á Orquesta Mondragón no paseo marítimo de Xuvia. A actuación comezará ás 21.00 horas e será de balde.
O evento forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo, iniciativa que percorre diferentes localidades galegas con actuacións de artistas nacionais e internacionais. Nesta edición, 'O Gran Guateque' fará parada en tres cidades galegas: Lalín, Narón e Ribadeo, levando ao público un repertorio cargado de nostalxia e cancións que marcaron varias xeracións.
Sobre o escenario estarán Fórmula V, unha das formacións máis populares do pop español, autora de temas tan coñecidos como 'Cuéntame', 'Eva María' ou 'Vacaciones de verano'. Compartirá cartel coa Orquesta Mondragón, banda histórica ligada durante décadas a Javier Gurruchaga e responsable de himnos como 'Viaje con nosotros' ou 'Corazón de neón'.
O Concello de Narón anima á veciñanza e ás persoas visitantes a asistir a unha cita pensada para todos os públicos, na que a música en directo, os recordos e o ambiente festivo converterán o paseo marítimo de Xuvia nun dos grandes escenarios do verán na comarca.