Pontedeume aproveita Equiocio para mostrar o seu potencial turístico a milleiros de visitantes

Pontedeume está presente estes días na 35ª edición de Equiocio, un dos eventos máis destacados do verán en Galicia, cun stand de información turística desde o que promociona os principais atractivos do municipio entre os milleiros de persoas que visitan o certame.
A participación do Concello forma parte da súa estratexia de promoción turística, aproveitando a elevada afluencia de público que rexistra cada ano Equiocio para dar a coñecer a riqueza natural, patrimonial, cultural e gastronómica de Pontedeume.
As persoas que se achegan ao espazo informativo poden descubrir a oferta turística do municipio, con especial protagonismo para o Parque Natural das Fragas do Eume, o centro histórico, o patrimonio monumental, as praias e as diferentes propostas de lecer e gastronomía que ofrece a vila ao longo de todo o ano.
Con esta iniciativa, o Concello busca atraer novos visitantes e consolidar Pontedeume como un destino de referencia na comarca, convidando ao público a descubrir os recursos naturais e culturais que caracterizan o municipio.
A presenza en Equiocio permite, ademais, reforzar a visibilidade de Pontedeume nun dos eventos con maior proxección da provincia, que cada verán reúne a miles de asistentes arredor das actividades ecuestres, deportivas, familiares e de lecer.