PSOE, BNG e Candidatura Veciñal de Cabanas xustifican o seu voto en contra ao suplemento de crédito pola falta de información económica

FerrolXa
Os tres grupos aseguran que reclamaron documentación sobre a execución orzamentaria, a desagregación dos gastos e discrepancias nos datos antes de votar os 231.508 euros propostos polo Goberno local
CABANAS casa concello
20 Nov 2026

Os grupos municipais do PSOE, BNG e Candidatura Veciñal de Cabanas explicaron o seu voto en contra ao suplemento de crédito de 231.508,61 euros presentado polo Goberno municipal, argumentando que non dispoñían de información económica suficiente para avaliar as cantidades propostas.

Nun comunicado conxunto, as tres formacións sosteñen que a iniciativa xa recibira un ditame desfavorable na Comisión Informativa, na que reclamaron os estados actualizados de execución do orzamento, a desagregación dos gastos e aclaracións sobre discrepancias na documentación económica. Segundo aseguran, estas peticións tamén foron trasladadas formalmente ao Concello, pero a información solicitada non foi facilitada antes da votación plenaria.

A oposición considera que a xestión dos recursos públicos debe estar baseada na transparencia, a planificación e o respecto ás funcións de control dos representantes municipais. Neste sentido, lembran que Cabanas continúa funcionando cun orzamento de 2023 prorrogado.

Os tres grupos tamén critican a falta de diálogo durante a tramitación da modificación de crédito e lamentan que, segundo a súa versión, non se atendesen as demandas de información nin se procurasen puntos de encontro para abordar as necesidades económicas do municipio.

No comunicado, PSOE, BNG e Candidatura Veciñal cuestionan tamén as declaracións da Alcaldía sobre o labor da oposición, nas que, segundo recollen, se lles reprochaba que se dedicasen a "pedir información, enredar". As formacións consideran que estas manifestacións menosprezan as funcións de fiscalización que corresponden aos grupos municipais.

'O problema non é que á oposición sempre lle falte algo, senón que o Goberno non facilita información económica esencial', sosteñen, ao tempo que reivindican a necesidade de que o executivo local dea explicacións sobre a utilización dos fondos públicos.

PSOE, BNG e Candidatura Veciñal conclúen reclamando diálogo, información rigorosa e acordos que permitan abordar as necesidades económicas de Cabanas desde a responsabilidade compartida e en beneficio do interese xeral da veciñanza.

0.10705399513245