'Queremos que este sexa un proxecto de todas e todos': Covas prepárase para recuperar as súas festas

Hai oito anos que as festas deixaron de formar parte do calendario de Covas. Agora, un grupo de veciños decidiu dar un paso adiante para intentar recuperar aquelas celebracións e, ao mesmo tempo, impulsar unha nova etapa cultural na parroquia coa creación da Asociación Cultural-Comisión de Festas de Cobas-Ferrol.
A idea comezou a tomar forma inicialmente como unha comisión de festas, pero pouco a pouco foi medrando ata converterse nunha asociación cultural. Detrás do proxecto hai persoas de diferentes idades e con ganas de implicarse na vida da parroquia.
'Queremos que este sexa un proxecto de todas e todos e para todas e todos' explican desde a nova entidade, que quere contar coa veciñanza non só para recuperar as festas, senón tamén para poñer en marcha actividades culturais e manter vivas as tradicións locais.
Das conversas á creación dunha asociación
Poñer en marcha unha asociación é diferente de ter simplemente a idea de organizar unha festa. Os promotores tiveron que pasar das conversas iniciais á constitución formal da entidade.
A primeira reunión celebrouse o 3 de setembro, momento no que quedaron asinadas a acta fundacional e os estatutos. A directiva está formada por Manuel Beceiro, como presidente; Francisco Vellón, vicepresidente; Joao González, secretario; e María de los Ángeles Sánchez, tesoureira. Como vogais figuran Margarita Espiñaira, Daniel Lorenzo e Joaquín Enríquez.
A pesar de tratarse dunha entidade que acaba de nacer, os seus integrantes destacan: 'Temos xente moi nova e moi implicada'. Unha presenza que consideran especialmente importante para que as tradicións da parroquia non queden limitadas ao recordo das xeracións anteriores.
Recuperar o que se perdeu
A recuperación das festas é o principal motor da iniciativa. San Martiño e as Cabazas aparecen entre esas celebracións que a asociación quere volver poñer en valor. Pero o propósito non é simplemente organizar unha festa unha vez ao ano. Os integrantes da entidade queren recuperar tamén a memoria da parroquia e coñecer mellor aquelas tradicións que formaron parte da vida de Covas.
A asociación de veciños está a ser unha das súas principais axudas nestes primeiros pasos. Desde a nova entidade destacan o apoio recibido para afrontar trámites e cuestións organizativas e tamén a resposta positiva que están atopando entre os residentes.
Unha primeira cita para o 15 de novembro
O calendario xa ten unha primeira data marcada: o 15 de novembro coa festa das Cabazas. A asociación está traballando na preparación desta cita e mantendo conversas con diferentes formacións para avanzar na programación.
Os responsables recoñecen que o proxecto está aínda nos seus primeiros pasos e que queda moito traballo por diante. Precisamente por iso, consideran que esta primeira actividade será tamén unha oportunidade para que os veciños coñezan mellor a asociación. 'Somos coñecidos como veciños, pero non de como traballamos', explican.
A intención é ir demostrando pouco a pouco o funcionamento da entidade e conseguir unha confianza que permita consolidar o proxecto.
Máis que unha comisión de festas
A nova entidade quere que a actividade non quede limitada ás celebracións. Entre as propostas que contempla están charlas, presentacións de libros, concertos e outras actividades culturais e divulgativas. Pretenden así crear un espazo no que diferentes xeracións poidan participar e achegar as súas propias experiencias. Para os promotores, a implicación das persoas que coñecen as antigas tradicións e a chegada de xente nova son dous elementos que deben avanzar xuntos.
Tamén están a buscar fórmulas para financiar os primeiros gastos. Entre elas está a venda de lotaría, mentres agardan poder contar co apoio das administracións.
Que quede un relevo para o futuro
A mirada da asociación non está posta unicamente nos próximos meses. Os seus integrantes queren que o proxecto teña continuidade e que dentro duns anos poida existir un relevo xeracional.
Ao falar de cumprir os seus obxectivos, a directiva pon o foco na resposta dos propios veciños: 'Que os veciños estean contentos, que nos apoien e que haxa xente nova moi implicada'. Ese é, en boa medida, o horizonte que se marcan: conseguir que a entidade se consolide, que as celebracións recuperen o seu espazo e que as novas xeracións tamén sintan como propias as tradicións de Covas.
'Comezamos'
Hai tamén unha cuestión relacionada co propio nome da parroquia. Durante a conversa aparece a posibilidade de recuperar a grafía 'Cobas' con B, que según comentan 'foi o nome que tivo a zona toda a vida', por eso o nome da asociación o leva con B. Con todo, os responsables da asociación deixan claro que non é unha prioridade no momento actual. Agora mesmo, as enerxías están centradas noutras cuestións: organizar as primeiras actividades, sumar persoas ao proxecto e avanzar na preparación da cita do 15 de novembro.
A nova asociación sabe que acaba de iniciar o camiño, pero tamén ten claro o motivo polo que decidiu facelo: recuperar unhas festas que levan oito anos ausentes e volver dar espazo á cultura, ás tradicións e á participación veciñal.
'Viva Cobas e vivan as súas festas!'