Suspendido o acto 'Tempo de Monstros' previsto para este venres no Ateneo de Ferrol

FerrolXa
O encontro ía reunir ao escritor Alberto Lema, ao filósofo Francisco Sampedro e ao investigador Eliseo Fernández para reflexionar sobre a deriva reaccionaria actual
FERROL tempo de monstruos
19 Nov 2026

O Ateneo Ferrolán suspendeu o encontro 'Tempo de Monstros e deriva reaccionaria', previsto para este venres, 20 de novembro, ás 19.30 horas, tras o falecemento do escritor e intelectual galego Xosé Luís Méndez Ferrín. A cancelación responde á relación de amizade persoal que mantiñan os relatores convocados para participar no acto co autor, falecido este xoves aos 88 anos.

A actividade estaba programada na sede do Ateneo Ferrolán e pretendía abrir un espazo de reflexión e debate arredor do avance das ideas reaccionarias e do contexto político, social e ideolóxico actual, a partir da temática que dá título á convocatoria.

O encontro ía contar coa participación do escritor Alberto Lema, do filósofo Francisco Sampedro e do investigador do movemento anarquista Eliseo Fernández, tres voces procedentes de distintos ámbitos que estaban chamadas a abordar a deriva reaccionaria e as transformacións que se están a producir na sociedade.

Lema chega á cita tras recibir o Premio Xerais de Novela 2026 pola obra 'A boca do río', ambientada na Galicia da posguerra e centrada nas relacións entre o poder político e económico durante a ditadura franquista, así como nas resistencias populares fronte a ese sistema.

Pola súa banda, Eliseo Fernández é un investigador ferrolán especializado na historia do anarquismo e do sindicalismo en Galicia, con publicacións sobre o movemento libertario, o obrerismo ferrolán e a represión franquista.

A suspensión do acto prodúcese tras a morte de Méndez Ferrín, unha das figuras fundamentais da literatura galega contemporánea e tamén referente intelectual e político. O escritor, nacido en Ourense en 1938, faleceu en Vigo aos 88 anos. A súa obra literaria e o seu compromiso político marcaron varias xeracións da cultura galega.

O Ateneo Ferrolán comunicou a cancelación da convocatoria e, polo momento, non informou dunha posible nova data para a celebración do encontro.

0.18477892875671