Teatro autobiográfico e memoria histórica toman o relevo no ciclo 'Vén o Venres' de Valdoviño

O ciclo de teatro profesional 'Vén o Venres' continuará nos próximos meses no Auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño con dúas propostas que combinarán reflexión, denuncia e memoria. A programación cultural do Concello inclúe as obras 'Vitória, retrato dunha denuncia', de Iria Pinheiro, e 'Melón pelado', da compañía Butacazero.
A segunda cita do ciclo correrá a cargo de Iria Pinheiro, que levará a Valdoviño unha peza de carácter autobiográfico construída arredor dunha experiencia persoal e dun proceso xudicial por unha denuncia de acoso sexual.
'Vitória, retrato dunha denuncia' reconstrúe os acontecementos comprendidos entre 2017 e 2023 e combina a documentación relacionada co procedemento xudicial con elementos propios do xogo escénico e do cabaré. A obra aborda así o percorrido dunha denuncia e as consecuencias que pode ter para quen decide facela pública.
A proposta emprega o humor e a ironía como ferramentas escénicas para achegar ao público unha historia persoal que tamén permite reflexionar sobre cuestións sociais relacionadas co acoso, a exposición pública e os procesos de denuncia.
O ciclo continuará en decembro coa compañía Butacazero, que presentará 'Melón pelado', unha obra de títeres vinculada ademais ás actividades de recuperación da Memoria Democrática.
A montaxe propón unha viaxe cara a episodios e lugares dunha historia que permaneceu durante anos fóra dos relatos máis coñecidos. A través dos títeres, a compañía afonda na relación entre o que foi vivido, o que chegou a ser atopado e aquilo que quedou sen contar ou sen documentar.
'Melón pelado' formula así unha reflexión sobre a propia memoria e sobre a maneira na que as sociedades recuperan, interpretan e transmiten episodios do pasado que durante décadas permaneceron no silencio.
As dúas funcións forman parte dunha programación que busca achegar o teatro profesional á veciñanza de Valdoviño e ofrecer propostas escénicas diferentes ao longo do ano. As actuacións celebraranse no Auditorio da Casa da Cultura e terán entrada gratuíta.
O ciclo conta co apoio económico da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural.