Terra Galega abre o curso político en Narón coa mirada posta en revalidar a maioría en 2027

FerrolXa
Marián Ferreiro encabezará en Pedroso un encontro con máis de 500 asistentes no que TEGA comezará a abordar a súa estratexia para os próximos comicios locais
festa-do-rio-tega-2026-naron
12 Sep 2026

Terra Galega (TEGA) retomará a súa actividade política tras o parón do verán coa tradicional Festa do Río de Pedroso, un encontro que supera xa as dúas décadas de historia e que este ano terá tamén un marcado carácter preelectoral. Coas municipais de 2027 no horizonte, a formación aproveitará a cita para comezar a intercambiar impresións sobre o futuro do seu proxecto en Narón e o obxectivo de revalidar a súa posición no Concello.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, encabezará o acto central acompañada polo secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo; o coordinador local, Ibán Santalla; concelleiros da corporación municipal, afiliados e simpatizantes. A organización prevé reunir máis de 500 persoas na paraxe natural de Pedroso.

A festa arrancará arredor das 13.00 horas coa tradicional sesión vermú e animación musical. Posteriormente, Ferreiro dirixirase aos asistentes antes do inicio da comida popular, que se celebrará baixo unha gran carpa instalada na área recreativa.

O menú estará composto por callos e churrasco e, xa pola tarde, a programación continuará con novas actuacións musicais e xogos populares destinados a participantes de diferentes idades.

Máis alá do carácter festivo, TEGA quere aproveitar a cita para tomar o pulso á situación política de Narón cando queda menos dun ano para as próximas eleccións municipais.

O coordinador local, Ibán Santalla, destacou que a Festa do Río, "que leva máis de 20 anos celebrándose", representa "o escenario perfecto para gozar dun tempo de desconexión coa nosa xente e, ao mesmo tempo, pulsar a realidade de Narón coa mirada posta xa nas vindeiras eleccións municipais de 2027".

Santalla avanzou que o encontro servirá para intercambiar "as primeiras impresións para revalidar a maioría", situando así a cita de Pedroso como un dos primeiros pasos de Terra Galega na preparación do novo ciclo electoral.

O responsable local lembrou tamén os resultados conseguidos pola formación nas eleccións municipais de 2023, cando TEGA obtivo dez dos 21 concelleiros que integran a corporación naronesa, e agradeceu o respaldo recibido por parte da cidadanía.

"O noso compromiso é continuar ao carón das veciñas e veciños, escoitando as súas demandas e traballando a diario para abrir con forza este novo curso político e asegurar esa confianza no proxecto de Terra Galega de cara ao 2027", concluíu Santalla.

0.10998892784119