Todo preparado para a XVII Feira Rural de San Sadurniño, que reunirá este sábado produtores, artesanía e actividades para toda a familia

A Leira da Cortiña acollerá este sábado, 29 de agosto, unha nova edición da Feira Rural de San Sadurniño, unha cita xa consolidada no calendario comarcal que volverá converter o municipio nun punto de encontro arredor da produción agroalimentaria, a artesanía e o desenvolvemento sostible do medio rural.
Desde primeira hora da mañá, o recinto feiral contará cun mercado no que se darán cita produtores locais, viveiros, artesáns e postos de segunda man, mantendo o formato que caracterizou o evento nas súas anteriores edicións.
A froita autóctona volverá ser unha das grandes protagonistas da xornada, coa celebración do tradicional concurso e con degustacións e visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos. Ademais, haberá propostas de divulgación sobre horticultura ecolóxica, apicultura e o patrimonio xeolóxico do Xeoparque do Cabo Ortegal.
A programación complétase con actividades para todas as idades, como obradoiros familiares, baixadas en kaiak polo río Xubia, visitas ao colmear didáctico, o concurso morfolóxico da raza Can de Palleiro, sorteos de produtos de proximidade e animación musical ao longo de toda a xornada.
A Feira Rural consolidouse ao longo dos anos como un escaparate para o produto de proximidade e as iniciativas sostibles, ademais dun espazo de encontro entre produtores, veciñanza e visitantes.