Trece locais de Cedeira participan na sétima edición do concurso 'Tapas de Outono'

FerrolXa
A cita gastronómica celebrarase do 13 ao 15 de novembro, con petiscos a tres euros, o sorteo de 15 cestas de produtos e música polas rúas durante a fin de semana
CEDEIRA tapas de outono
10 Nov 2026

A gastronomía será a protagonista esta fin de semana en Cedeira coa celebración da sétima edición de 'Tapas de Outono', un concurso no que participarán trece establecementos hostaleiros do municipio. As propostas poderán degustarse entre o venres 13 e o domingo 15 de novembro, cun prezo de tres euros por petisco.

Como antesala do certame, a sala Áncora acollerá este martes, ás 19.00 horas, unha demostración de cociña aberta ao público. A sesión correrá a cargo de Arantxa Jiménez e Jorge Vázquez, do restaurante O Pozo de Cambre, que elaborarán diferentes preparacións en directo e amosarán técnicas, ingredientes e propostas de presentación.

Como participar no concurso de tapas

Os locais participantes servirán as súas creacións nas quendas de noite do venres, mediodía e noite do sábado e mediodía do domingo. As persoas que degusten as propostas poderán votar polas súas favoritas e participar no sorteo dunha cea no establecemento que resulte gañador.

Para emitir o voto será necesario probar polo menos a metade das tapas. Cada participante deberá repartir tres, dous e un punto entre as súas tres propostas preferidas e depositar a tarxeta de votación nas caixas habilitadas nos establecementos.

A edición deste ano incorpora tamén un sorteo de 15 cestas valoradas en 100 euros cada unha. O Concello achegará unha cesta a cada local participante para que a sortee entre a súa clientela. Ademais, haberá outras dúas cestas que se sortearán entre as persoas que realicen compras no comercio local durante esas xornadas.

Música polas rúas durante a fin de semana

A programación completarase con animación musical. O sábado actuarán polas rúas as charangas Bicoia e BMVC, mentres que o domingo será a quenda da asociación Buxainas e da charanga Santa Compaña.

0.17562413215637