Tres días de festa, música e tradición para celebrar as festas patronais na honra a Santa María

FerrolXa
A programación, do 8 ao 10 de setembro, incluirá as actuacións das orquestras Costa Dorada e Trébol, fogos artificiais e unha degustación gratuíta de liscos e chourizos
NEDA festas santa maria
6 Sep 2026

Neda prepárase para vivir as súas festas patronais na honra a Santa María. As celebracións desenvolveranse desde o martes 8 ata o xoves 10 de setembro, tres xornadas nas que a música, a tradición e a gastronomía serán as grandes protagonistas.

Os festexos están organizados pola comisión veciñal, coa colaboración do Concello de Neda, que destaca o traballo desinteresado das persoas implicadas na preparación das celebracións.

A programación comezará o martes 8 de setembro, festivo local, ás 12.30 horas, coa misa solemne na igrexa de Santa María. Ao rematar, a pirotecnia local Millarengo será a encargada dos fogos artificiais.

A continuación chegará a sesión vermú, amenizada pola orquestra Costa Dorada, que regresará pola noite para poñer música á verbena.

Música tamén o mércores

O mércores 9 de setembro repetirase boa parte do programa. A xornada arrancará ás 12.30 horas coa misa solemne na igrexa de Santa María, seguida novamente dos fogos artificiais e da sesión vermú.

Nesta ocasión, a música correrá a cargo da orquestra Trébol, que tamén será protagonista da verbena nocturna.

A Festa do Neno pecha as celebracións

A programación trasladarase o xoves 10 de setembro ao campo da festa de Albarón, onde terá lugar a Festa do Neno.

Durante a xornada ofrecerase unha degustación gratuíta de liscos e chourizos, ata esgotar existencias. A parte musical correrá a cargo de Eric Hidalgo, encargado de poñer o broche final a tres días de celebracións.

Desde o Concello de Neda animan á veciñanza e ás persoas que visiten a localidade a participar nas diferentes actividades e poñen en valor o esforzo da comisión veciñal encargada da organización.

0.12327098846436