Tres días de festa, orquestras e 30 anos de San Pipote: Bardaos xa está preparada para celebrar Santa María

FerrolXa
A parroquia de San Sadurniño arranca este xoves as celebracións, que incluirán as tradicionais Olimpíadas Parroquiais e unha nova procesión dos bocois de calimotxo
SAN SADURNIÑO san pipote bien
10 Sep 2026

Bardaos xa ten todo preparado para vivir tres días de celebracións na honra de Santa María. A parroquia de San Sadurniño dará comezo este xoves a un programa festivo que combinará música, actividades populares e tradición, cun protagonista especial: o San Pipote, que este ano cumpre 30 anos.

As festas arrancarán esta noite no local social da Bañoca. A partir das 23.00 horas, o grupo De Lorean será o encargado de poñer música á primeira velada cunha actuación baseada en versións acústicas de cancións coñecidas de diferentes épocas.

A xornada do venres será o primeiro día grande das festas. O programa comezará ás 13.30 horas coa misa solemne, á que seguirá a sesión vermú coa orquestra Escaparate, prevista para arredor das 14.30 horas. A formación volverá ao escenario pola noite, a partir das 23.30 horas, xunto coa Fania Blanco Show.

Entre unha actuación e outra haberá tempo para unha das citas máis esperadas da programación: as Olimpíadas Parroquiais. Este ano a actividade adiántase ao venres e comezará ás 18.00 horas no grande campo situado xunto á área recreativa, que quedará libre de gando para a ocasión.

As probas volverán poñer á proba o equilibrio, a forza e a habilidade dos participantes a través de diferentes disciplinas tan divertidas como disparatadas, nunha das propostas máis singulares das festas de Bardaos.

O sábado chegará a terceira e última xornada das celebracións principais. A mañá comezará coas alboradas dun grupo de gaitas e percusión, que percorrerá durante o día os diferentes lugares da parroquia para levar a música festiva a todos os recunchos de Bardaos.

A misa volverá celebrarse ás 13.30 horas e estará seguida dunha traca de fogos e da sesión vermú, esta vez a cargo de Elebe 2.0. Despois dun descanso durante a tarde, a festa regresará pola noite coa actuación de Elebe 2.0 e Origen.

A madrugada terá como un dos seus momentos máis destacados a tradicional procesión do San Pipote, prevista para as 1.30 horas. Os bocois cheos de calimotxo volverán percorrer a festa e Carlos Cobelo será novamente o encargado de animar o público desde o escenario co seu particular discurso.

A festa continuará en outubro

A programación festiva de Bardaos terá aínda unha última cita o venres 16 de outubro. Ese día a Orquestra Cinema actuará na parroquia despois de que a comisión de festas resultase gañadora, por votación popular, da segunda edición do Xanela Fest.

O premio do concurso é precisamente unha actuación gratuíta da Cinema, unha formación que se atopa entre as orquestras máis destacadas do panorama galego.

Deste xeito, Bardaos prolongará a celebración máis alá da fin de semana de Santa María cunha noite de música que servirá para poñer o broche definitivo a un calendario festivo marcado polo 30 aniversario do San Pipote.

0.12768697738647