Tres días de literatura, mitoloxía e Samaín pechan a primeira edición de Vila das Lendas en Pontedeume

A literatura, a mitoloxía e a fantasía foron as protagonistas da primeira edición de Vila das Lendas, que pechou este domingo en Pontedeume despois de tres xornadas de actividades culturais. O festival, organizado polo Concello, transformou distintos espazos da vila nun punto de encontro para escritores, lectores e público familiar, cunha programación vinculada ao Samaín e á recuperación das lendas e historias da tradición popular.
A última xornada contou con propostas arredor dos seres mitolóxicos e do folclore galego, da man de Francisco Castro, Natalia de la Peña e David das Tebras. Pedro Feijoo tamén participou nun encontro sobre a relación entre as experiencias vitais e a creación literaria, mentres que a música da Escola de Música Charamela, con bandas sonoras de cinema, e as actividades infantís completaron o programa.
A clausura tivo lugar coa actuación de Mariachi Sol de Galicia, que puxo o broche final a esta primeira edición. Desde o Concello destacaron a participación dos autores e autoras, así como a implicación das persoas asistentes e dos colectivos que fixeron posible a celebración.
Literatura, cinema e tradición oral
Ao longo da fin de semana, Vila das Lendas ofreceu encontros con escritores e especialistas, conversas sobre novela fantástica, mitoloxía e tradición oral, e actividades relacionadas co terror e o cinema. Entre as propostas tamén figuraron unha exposición bibliográfica sobre literatura fantástica e de medo, un percorrido polo cemiterio coa escritora Emma Pedreira e a Pasaxe do Medo nos Xardíns de Lombardero.
A programación reservou igualmente un espazo para os máis pequenos, con obradoiros, propostas creativas e actividades de Samaín. A iniciativa contou tamén coa participación da Asociación Folclórica e Cultural Orballo, o grupo de teatro do IES Breamo e a Escola de Música Charamela.
Con esta primeira edición, Pontedeume incorpora unha nova cita ao seu calendario cultural, coa intención de achegar a literatura a públicos de todas as idades e poñer en valor o patrimonio lendario e a tradición oral galega.