Tres magostos enchen de castañas e música a fin de semana en Mugardos e San Sadurniño

FerrolXa
O Mercado Municipal de Mugardos acolle a celebración este venres, mentres que Lamas e Igrexafeita organizarán cadansúa festa o sábado, con propostas gastronómicas, música, cinema e espectáculos
CULLEREDO magosto (4)
6 Nov 2026

A chegada do outono trae consigo unha das celebracións máis tradicionais do calendario galego. As castañas serán as protagonistas desta fin de semana en Mugardos e San Sadurniño, onde se desenvolverán tres magostos con propostas diferentes para reunir a veciñanza arredor da gastronomía e da música.

A primeira cita terá lugar este venres, 6 de novembro, no Mercado Municipal de Mugardos. A celebración desenvolverase entre as 18.00 e as 20.30 horas, con reparto de castañas e a actuación da Banda de Gaitas Trouleada, que poñerá a banda sonora tradicional á xornada.

Dúas celebracións o sábado en San Sadurniño

A programación continuará o sábado en San Sadurniño, onde as asociacións Xuntanza de Lamas e Adiante de Igrexafeita organizarán cadanseu magosto nos locais sociais das parroquias, coa colaboración do Concello. As dúas propostas combinarán comida, actividades e actuacións para diferentes públicos.

En Lamas, a festa arrancará ao mediodía no local do Chao cun xantar a base de callos, castañas, sobremesa e bebidas. O prezo será de 22 euros para as persoas socias e de 27 para as non socias, mentres que os nenos e nenas menores de dez anos poderán asistir de balde.

A sobremesa musical correrá a cargo da Corral Polifónica do Aturuxo de Melpómene, que ofrecerá as súas versións galeguizadas e cargadas de retranca de coñecidos éxitos da música internacional.

Cinema, obradoiros e maxia en Igrexafeita

Pola súa banda, a asociación veciñal Adiante organizará o magosto no local social de Igrexafeita, situado no lugar da Torre. A programación comezará ás 18.30 horas coa proxección da película Antes de nós, dentro do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de San Sadurniño.

Ao rematar a película, a rapazada poderá participar nun obradoiro de colares con zonchos e outras manualidades tradicionais. Sobre as 20.00 horas, o Mago Charlangas ofrecerá o espectáculo de ilusionismo Atemporal.

A cea está prevista para as 21.30 horas e incluirá caldo, castañas asadas, xamón escaldado e sobremesa. O menú custará cinco euros para as persoas socias e dez para as non socias.

Como consultar se quedan prazas

O prazo de inscrición para os magostos de Lamas e Igrexafeita rematou este mércores, pero as persoas interesadas aínda poden contactar coas entidades organizadoras para comprobar se queda algunha praza dispoñible.

En Lamas, os teléfonos de contacto son o 618 838 760 e o 664 203 738. En Igrexafeita, pódese consultar nos números 696 912 975 e 650 484 580.

0.16249108314514