Un autobús levará á veciñanza de Neda ata Santiago para gozar do teatro galego por só 5 euros

FerrolXa
O programa 'Sobes ao bus do teatro?' permitirá asistir o 18 de setembro a 'A serie clopen', do Centro Dramático Galego, no Salón Teatro
Centro Dramático Galego
5 Sep 2026

A veciñanza terá unha nova oportunidade para achegarse ao teatro galego sen preocuparse polo desprazamento. O programa 'Sobes ao bus do teatro?' volverá poñer en marcha un autocar con destino a Santiago de Compostela para asistir á representación de 'A serie clopen', unha das últimas producións do Centro Dramático Galego.

A actividade terá lugar o venres 18 de setembro. O autocar sairá da contorna da Casa Consistorial arredor das 15.10 horas para chegar con tempo ao Salón Teatro de Santiago, onde a función comezará ás 18.00 horas. O regreso está previsto para as 20.00 horas.

As prazas son limitadas e a inscrición poderá realizarse na Biblioteca Municipal ata o 16 de setembro ou ata que se complete o aforo. O custo será de 5 euros.

Dirixida por Pablo Reboleiro, 'A serie clopen' emprega as artes circenses e conceptos matemáticos como punto de partida para reflexionar sobre a realidade actual e os retos aos que se enfronta a mocidade. A música e o humor teñen tamén un papel destacado nunha montaxe na que participan Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo.

A iniciativa retómase despois da boa resposta obtida nas edicións anteriores, nas que as prazas dispoñibles nos autocares se cubriron por completo. O Concello confía así en repetir a elevada participación e facilitar novamente o acceso da veciñanza á programación teatral galega.

0.13142895698547