Un dispositivo con sensores axuda os bombeiros de Ferrol a previr lesións lumbares

O persoal do Parque de Bombeiros de Ferrol participou este martes nun obradoiro práctico para coñecer unha tecnoloxía deseñada para previr lesións lumbares durante o desempeño do seu traballo. A iniciativa, organizada pola Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, combinou unha charla sobre hixiene postural cunha demostración do funcionamento de sensores capaces de detectar posicións potencialmente lesivas.
A actividade puxo o foco na importancia de manter unha postura adecuada ao levantar e manipular cargas, unha tarefa habitual entre os profesionais de emerxencias e que pode aumentar o risco de sufrir lesións musculares e da columna vertebral.
A parte formativa correu a cargo de Florian Michaud, investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). A continuación, os asistentes puideron comprobar como inflúe a posición das costas durante os esforzos físicos e probar unha ferramenta tecnolóxica desenvolvida no propio campus ferrolán.
AppGym, un aviso cando a postura pode provocar lesións
O dispositivo protagonista da xornada foi AppGym, unha tecnoloxía portátil desenvolvida pola spin off Motion and Force Engineering Solutions (MFES), vinculada ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do CITENI. O sistema permite monitorizar en tempo real a flexión lumbar e advertir de posturas inadecuadas durante o levantamento de cargas.
O dispositivo colócase nas costas e incorpora un aviso sonoro que se activa cando detecta unha posición potencialmente lesiva. Ademais, permite visualizar nunha pantalla de ordenador o ángulo de flexión da columna vertebral, de maneira que o usuario pode identificar os movementos que debe corrixir para reducir o risco de lesións.
AppGym foi desenvolvido desde o Campus Industrial de Ferrol en colaboración coa Clínica Arriaza e recibiu o segundo premio na Xornada de Innovación en Industria da Maker Faire Galicia 2026.
Este obradoiro dá continuidade a outra actividade celebrada o pasado 2 de novembro no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, centrada no uso de exoesqueletos pasivos para previr lesións musculoesqueléticas entre os profesionais de emerxencias.
Ambas as iniciativas comparten o obxectivo de achegar os avances tecnolóxicos desenvolvidos na universidade ao persoal de emerxencias da comarca, contribuíndo a mellorar a prevención de lesións e as condicións de seguridade laboral.