Un documental recupera en Neda a historia da insubmisión e a loita que acabou coa 'mili'

A historia do movemento de insubmisión en Galicia chegará este venres á pantalla da Casa da Cultura de Neda coa proxección de 'Crónicas dun NON!', un documental que repasa máis dunha década de mobilización social contra o servizo militar obrigatorio e a loita colectiva que contribuíu á súa desaparición.
A sesión, que comezará ás 20.30 horas, será a cuarta proposta do ciclo de cinema documental impulsado polo Concello de Neda e chega á localidade ao abeiro do programa Outono das Artes da Deputación da Coruña.
A película está construída a partir da experiencia persoal do seu director, Fernando Rodríguez Gómez 'Peñaño', que en 1989 foi detido tras negarse a incorporarse ao Servizo Militar Obrigatorio. A súa decisión levouno a permanecer en prisión preventiva, ser xulgado e finalmente condenado a un ano de cárcere.
A partir deste percorrido persoal, o documental amplía a mirada para reconstruír a historia dun movemento de desobediencia civil que durante anos cuestionou a obriga de realizar o servizo militar e reivindicou dereitos e liberdades.
'Crónicas dun NON!' incorpora testemuños de persoas que participaron nas mobilizacións en Galicia e repasa a evolución dun movemento que acabou contribuíndo ao proceso que levou á profesionalización das Forzas Armadas e ao final definitivo do servizo militar obrigatorio, hai xa 25 anos.
A produción, de Taller de Insomnios e Serea Films, ten unha duración aproximada de 70 minutos. Máis aló da recuperación histórica, a película formula unha reflexión sobre a participación cidadá e sobre a capacidade da acción colectiva para provocar transformacións sociais e políticas.
A proxección en Neda permitirá así achegar ao público unha parte da historia recente a través das persoas que viviron en primeira persoa aquel movemento, nunha proposta que combina memoria, testemuño e análise sobre o papel da cidadanía na conquista de cambios sociais.