Un panel interpretativo recupera a memoria da antiga fábrica de salgadura escavada xunto á praia da Madalena

Os restos da antiga fábrica de salgadura situados xunto á praia da Madalena, en Cedeira, contan desde esta semana cun novo panel interpretativo que permitirá á veciñanza e ás persoas visitantes coñecer mellor a historia deste espazo e a relevancia que a industria da salgadura tivo no desenvolvemento da vila.
A nova sinalización foi instalada ao pé dos restos arqueolóxicos que foron escavados e consolidados recentemente nas inmediacións da praza da Constitución. O panel ofrece información sobre o funcionamento destas instalacións e inclúe unha recreación do interior da fábrica, mostrando as pías onde se depositaban o peixe e o sal durante o proceso de conservación.
O contido tamén lembra que a praia da Madalena chegou a concentrar ata sete fábricas de salgadura, converténdose nun dos principais focos desta actividade, que durante décadas desempeñou un papel fundamental na economía local e contribuíu a configurar a estreita relación de Cedeira co mar.
Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na posta en valor do patrimonio histórico e industrial do municipio, facilitando a interpretación dos restos conservados e promovendo o coñecemento dun legado que forma parte da identidade da vila.