Un quilómetro cheo de cor para reivindicar a inclusión: Narón prepara a súa Andaina Inclusiva de Cores

FerrolXa
A actividade celebrarase o 4 de outubro no Paseo Marítimo de Xuvia e estará aberta a persoas de todas as idades, con e sen discapacidade
NARON andaina cores
11 Sep 2026

Un percorrido de apenas un quilómetro converterase o próximo 4 de outubro nunha celebración da inclusión e da diversidade. O Paseo Marítimo de Xuvia acollerá a Andaina Inclusiva de Cores, unha iniciativa organizada pola Asociación Sociocultural ASCM e o Concello de Narón que combinará actividade física, diversión e sensibilización social.

Baixo o lema '1 km de diversión, mil cores, unha mesma causa: a inclusión', as persoas participantes completarán un itinerario no que atoparán diferentes puntos desde os que se lanzarán pos de cores elaborados a base de amidón de millo e especificamente destinados a este tipo de actividades.

A proposta está pensada para que poidan participar persoas de todas as idades, con e sen discapacidade, sen que as condicións físicas sexan un impedimento para formar parte da xornada.

A entrega do material comezará ás 16.00 horas, mentres que a saída da andaina está prevista para as 17.30 horas. A inscrición ten un prezo de 10 euros e inclúe un kit con agasallos para os participantes.

O prazo para apuntarse permanecerá aberto ata o 2 de outubro ás 14.00 horas. As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a inscrición a través do teléfono 604 055 703, do correo electrónico info@ascmgalicia.org.

A iniciativa dá continuidade a unha proposta coa que ASCM leva anos promovendo a participación e a inclusión a través de actividades abertas á cidadanía. En edicións anteriores, a Andaina Inclusiva de Cores xa se converteu nunha cita festiva para visibilizar a importancia da accesibilidade e da igualdade de oportunidades.

0.120197057724