Un selo e un mataselos conmemorativos renderán homenaxe á memoria emigrante no IX Ares Indiano

FerrolXa
A programación previa da cita incluirá tamén unha exposición con selos, cartas e documentos que lembran os vínculos entre Galicia e América
ARES presentacion selo
29 Jul 2026

A programación previa do IX Ares Indiano incorporará este ano unha proposta singular para reivindicar a memoria da emigración. O vindeiro 5 de agosto, ás 12.00 horas, a Alianza Aresana acollerá a presentación dun selo de Correos e dun mataselos conmemorativo creados especificamente para esta edición da cita.

A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Cultura en colaboración coa Federación Galega de Sociedades Filatélicas, busca poñer en valor os vínculos históricos entre Galicia e América a través da correspondencia e da filatelia, lembrando o papel que tiveron as cartas e os envíos postais para manter o contacto entre as persoas emigrantes e as súas familias.

Coincidindo coa presentación abrirase tamén ao público a exposición 'Selos e máis: memoria da emigración', que poderá visitarse no vestíbulo da Alianza Aresana entre o 5 e o 14 de agosto.

A mostra estará estruturada en tres espazos temáticos. O primeiro reunirá unha colección de selos cubanos de finais do século XIX e comezos do XX; o segundo estará dedicado á correspondencia entre Galicia e Cuba durante esa época; e o terceiro exhibirá postais, documentos de embarque e outros materiais relacionados coa emigración galega ao continente americano.

Desde o Concello destacan que a iniciativa pretende ofrecer unha perspectiva diferente sobre o fenómeno migratorio, utilizando pequenos documentos cotiáns como selos, sobres ou cartas para contar historias persoais que atravesaron o Atlántico e que forman parte da memoria colectiva.

O cartel anunciador da actividade foi deseñado pola ilustradora aresá Miriam Fernández, que elaborou unha imaxe inspirada na estética indiana, as viaxes marítimas e a correspondencia como símbolo da conexión entre Galicia e América.

A presentación do selo, do mataselos e da exposición súmanse así ás actividades que servirán de antesala á novena edición do Ares Indiano, unha das celebracións máis destacadas do calendario estival do municipio.

0.091068029403687