Un veciño de Cerdido exhibe máis de 300 pezas dunha colección de 3.500 chisqueiros

FerrolXa
Miguel J. Rodríguez Fraguela é o protagonista da iniciativa cultural 'Unha obra, unha mirada' deste mes de novembro, cunha mostra que reúne exemplares de diferentes épocas, materiais e temáticas
CERDIDO expo cultural nov chisqueiros
9 Nov 2026

O veciño de Cerdido Miguel J. Rodríguez Fraguela protagoniza este mes de novembro a iniciativa cultural 'Unha obra, unha mirada', promovida polo Concello para dar a coñecer diferentes expresións culturais e coleccións de persoas vinculadas ao municipio. A proposta permite achegarse cada mes a unha nova historia a través dos obxectos, as creacións ou as afeccións dos seus protagonistas.

Nesta ocasión, o foco está posto na colección de chisqueiros de Miguel, que reúne máis de 3.500 exemplares de distintas temáticas, materiais e formas. Unha selección de máis de 300 pezas forma parte da mostra deste mes, que permite descubrir a variedade dunha colección construída ao longo de varias décadas.

A recompilación comezou en 1988, cando Miguel incorporou o seu primeiro exemplar: un chisqueiro coa figura dun faro e o lema 'Contra vento e marea'. Desde aquela, foi ampliando a colección con pezas de características moi diferentes, ata superar os 3.500 chisqueiros.

Entre os exemplares que conserva destaca especialmente o máis antigo, datado en 1843. Trátase dunha peza con forma de libro que sobresaí pola súa antigüidade e que dá conta da diversidade de obxectos que forman parte desta colección.

Con esta nova entrega de 'Unha obra, unha mirada', o Concello de Cerdido continúa achegando á veciñanza as coleccións e intereses de persoas do municipio, convertendo as súas afeccións nunha oportunidade para compartir patrimonio persoal, curiosidades e historias.

0.16676616668701