Unanimidade para impulsar a creación do Consello Sectorial da Memoria Democrática en Valdoviño

FerrolXa
O pleno aprobou o regulamento que permitirá constituír este órgano consultivo, no que estarán representados os grupos políticos, as entidades memorialistas e investigadores das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
VALDOVIÑO pleno nov 2026
6 Nov 2026

O Concello de Valdoviño deu un novo paso para constituír o Consello Sectorial da Memoria Democrática coa aprobación do seu regulamento no pleno municipal celebrado este xoves. O acordo contou co respaldo unánime de todos os grupos da corporación.

O seguinte trámite será a publicación do texto no Boletín Oficial da Provincia, requisito previo para poder constituír formalmente este órgano de participación. O regulamento establece o marco de funcionamento dun espazo destinado a investigar e documentar o pasado, transmitir ese coñecemento e recoñecer e difundir o patrimonio vinculado á memoria democrática e á historia local.

A iniciativa dá continuidade ao traballo desenvolvido polo departamento municipal de Cultura a través do programa de Actividades de Memoria Democrática, no que a Asociación Cultural de Memoria Histórica Democrática desempeña un papel de colaboración.

O Consello concíbese como un órgano permanente de participación sectorial con funcións de asesoramento, información, debate, estudo e proposta. Terá carácter consultivo, polo que poderá emitir opinións e formular iniciativas, pero os seus acordos non serán vinculantes. A súa finalidade será defender e promover os dereitos humanos no ámbito da memoria histórica, coa recuperación da memoria das persoas que sufriron persecución ou violencia durante o golpe de Estado militar e a ditadura.

Entre os seus obxectivos figuran asesorar sobre a aplicación da Lei de Memoria Democrática no municipio, favorecer a reparación e dignificación das persoas veciñas que teñan a consideración de vítimas e impulsar a investigación e difusión de episodios históricos ou sociais de Valdoviño que fosen silenciados ou terxiversados durante a ditadura franquista.

O órgano tamén poderá recibir e debater propostas de particulares e entidades, así como formular iniciativas relacionadas cos principios da lei. O regulamento establece que non se buscará necesariamente a unanimidade, senón a consecución de acordos amplos.

A composición incluirá a Alcaldía na presidencia e a Concellería de Cultura na vicepresidencia. Tamén formarán parte del representantes de cada grupo político municipal, ata tres persoas das entidades de memoria histórica acreditadas no rexistro municipal de asociacións e ata tres historiadores ou investigadores de recoñecido prestixio no ámbito memorialista das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A secretaría corresponderá a un funcionario ou funcionaria designado pola Alcaldía.

Ademais, poderán ser convocadas outras persoas relacionadas cos asuntos que se vaian tratar, con voz pero sen voto. O Consello reunirase de maneira ordinaria unha vez cada semestre e poderá celebrar sesións extraordinarias cando a importancia ou urxencia dos temas o requira.

0.7261860370636