Unha charla en Régoa abordará os riscos dos móbiles e das redes sociais durante a infancia

O uso dos teléfonos intelixentes e das redes sociais durante a infancia centrará unha charla organizada pola Asociación de Veciños de Régoa, en Cedeira, o vindeiro domingo 15 de novembro. O encontro comezará ás 18.00 horas no local social da entidade.
Baixo o título 'Teléfonos intelixentes, redes sociais e o fin da infancia?', a sesión pretende abrir un espazo de reflexión sobre as consecuencias de que nenos e nenas accedan cada vez antes aos dispositivos móbiles e ás plataformas dixitais.
A charla abordará cuestións como a dependencia dixital, o acceso á pornografía, os problemas de atención e sono e o posible aumento da ansiedade, a depresión e os comportamentos suicidas. Tamén se tratará o impacto psicolóxico e social da exposición temperá ás pantallas.
O relator será Mark Singleton, veciño de Régoa e profesor visitante no centro de investigación CIPAC da Universidade de Santiago de Compostela. Durante o encontro exporanse ferramentas para afrontar a presión social e defender o dereito dos menores a gozar dunha infancia sen pantallas móbiles.
A actividade está organizada pola Asociación de Veciños de Régoa e conta coa colaboración de Cabo Ortegal Xeoparque e o Concello de Cedeira.