Unha horta para recuperar a froita tradicional de San Sadurniño: o Concello achega 4.000 euros á AGFA do Eume

A recuperación das variedades tradicionais de froita continuará sendo unha das liñas de traballo en San Sadurniño. O Concello e a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGFA) veñen de renovar o seu convenio anual de colaboración, que contempla unha achega municipal de 4.000 euros para manter a Horta de Conservación de Froiteiras Autóctonas Carlos Fornos, situada na Cortiña.
O acordo busca preservar un patrimonio agrícola ligado ao territorio e favorecer a recuperación de castes tradicionais de froiteiras. Ademais dos labores de conservación da horta, a asociación prestará apoio técnico ao Concello en actividades formativas, divulgativas e de promoción da froita autóctona.
Entre os compromisos da AGFA do Eume está a reposición das árbores que se perdan por enfermidades, ataques de roedores, roturas ou outras causas, así como a incorporación de novas variedades procedentes da comarca. A colección inclúe especies como maceiras, pereiras, cerdeiras, ameixeiras, pexegueiros e pavías.
O convenio tamén aposta pola formación. A asociación organizará un curso de fruticultura de polo menos 20 horas, que contará cun desconto do 50 % para as persoas empadroadas en San Sadurniño. Tamén se encargará de coordinar as visitas á Horta Carlos Fornos para dar a coñecer as variedades tradicionais e técnicas relacionadas coa súa conservación e cultivo.
Actividades na XVII Feira Rural
A colaboración terá unha presenza destacada na XVII Feira Rural, onde a AGFA do Eume participará na organización dun concurso de froita da comarca. A iniciativa está aberta a persoas afeccionadas ou interesadas na recuperación das variedades tradicionais e permitirá presentar lotes procedentes de hortas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Cada lote deberá estar composto por froita dunha mesma variedade e, con carácter xeral, contar cun peso mínimo de dous quilos. As persoas participantes deberán entregar os lotes na carpa principal entre as 10.30 e as 11.30 horas.
O xurado estará formado por dúas persoas representantes do Concello e outras dúas da AGFA do Eume. Para valorar os exemplares terá en conta aspectos como a identificación da variedade, o seu carácter autóctono ou antigo, a presentación, a cor, o sabor, a forma, o tamaño, o estado da pel e a posible presenza de defectos ou enfermidades.
O fallo darase a coñecer ás 13.15 horas, mentres que a entrega dos premios está prevista para as 13.30 horas. Os tres mellores lotes recibirán cestos de produtos de proximidade valorados en 100 euros cada un. Ademais, todas as persoas participantes levarán como agasallo unha froiteira autóctona.
A programación da feira incluirá tamén dous paseos divulgativos pola colección de froiteiras da Cortiña. O primeiro será ás 11.30 horas e incluirá un obradoiro de enxertado, mentres que o segundo, ás 17.30 horas, permitirá coñecer técnicas de poda de verán.
Con esta colaboración, o Concello pretende reforzar a conservación da biodiversidade agraria e contribuír á recuperación de variedades adaptadas ao territorio. A iniciativa tamén busca favorecer a produción de proximidade, o aproveitamento das hortas tradicionais e a recuperación de canles locais para a comercialización da froita.