Unha nova plataforma reclama retirar os símbolos franquistas que aínda permanecen en Ferrolterra

FerrolXa
Franquismo Nunca Máis convoca a súa primeira protesta este sábado diante do hospital Juan Cardona para pedir a retirada da escultura de Camilo Alonso Vega e cambiar o nome do centro e dunha rúa de Caranza
FERROL juan cardona hospital caranza
13 Nov 2026

A retirada dos símbolos e honras vinculados á ditadura franquista que aínda permanecen en espazos públicos de Ferrolterra, Eume e Ortegal é o obxectivo de Franquismo Nunca Máis, unha nova plataforma cidadá presentada esta semana no Ateneo Ferrolán. O colectivo, integrado por persoas das tres comarcas, xa anunciou a súa primeira mobilización: unha concentración este sábado, 14 de novembro, ás 12:00 horas diante do hospital Juan Cardona, en Caranza.

A iniciativa xorde da preocupación dos seus promotores pola permanencia de elementos que consideran contrarios á memoria democrática. Segundo os datos trasladados pola plataforma durante a súa presentación, nas tres comarcas mantéñense 145 símbolos e distincións relacionados co franquismo, dos que 73 estarían no municipio de Ferrol.

A primeira protesta centrarase na escultura de Camilo Alonso Vega situada na contorna do hospital Juan Cardona. A plataforma reclama a súa retirada e propón que o centro sanitario pase a denominarse «Hospital 10 de Marzo». Tamén expón cambiar o nome da rúa Juan Cardona, militar vinculado ao golpe de Estado e participante na División Azul, polo de «Rúa Traballadoras da Pysbe».

Franquismo Nunca Máis está impulsada por un grupo de persoas a título particular e conta, polo momento, con arredor de 25 integrantes, segundo a información difundida durante a súa presentación. Entre os seus obxectivos figura tamén apoiar os actos de lembranza e homenaxe ás vítimas da ditadura e reclamar que se retiren os recoñecementos públicos a quen participou na represión franquista.

O colectivo fai un chamamento á cidadanía, especialmente á xente nova, para que se sume ás súas actividades e participe na concentración convocada para este sábado en Caranza.

0.16787886619568