Unha obra sobre a trata de mulleres e o racismo pecha o ciclo 'Tempo para o teatro' de Neda

O ciclo cultural 'Tempo para o teatro' chegará á súa fin este venres cunha proposta que aborda a trata de mulleres con fins de explotación sexual, o racismo e as dificultades da migración forzada. Trátase de 'Sophie non é o meu nome de guerra', unha obra baseada en feitos reais que relata a viaxe dunha muller desde o seu Camerún natal ata A Coruña e que servirá tamén para abrir a programación municipal de Neda con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A representación comezará ás 20.30 horas na Casa da Cultura. O Concello puxo á venda as entradas, que teñen un prezo de dous euros e poden adquirirse desde este martes na biblioteca municipal.
Unha historia baseada en feitos reais
A obra acompaña a protagonista no seu percorrido vital e aborda cuestións como o exilio, as políticas migratorias europeas e a explotación sexual. A través da súa experiencia persoal, expón a loita dunha muller por alcanzar a liberdade, amar e ser amada, poñendo o foco na realidade das vítimas da trata.
A montaxe, dirixida por Laura Míguez e interpretada por Camille Hedouin e Alixa Ladson, adapta o texto teatral de Roberto Pascual, gañador do Premio Rafael Dieste en 2021. A proposta de Redrum Teatro combina interpretación textual, recursos audiovisuais e elementos poéticos para achegar o público a esta realidade.
A representación chega da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña e marcará o comezo das actividades organizadas polo Concello de Neda arredor do 25N.