Unha placa e un recoñecemento oficial reparan a memoria das vítimas do franquismo en San Sadurniño

FerrolXa
O Concello entregou á familia de Juan Rilo Rodríguez unha resolución de recoñecemento como vítima do franquismo e descubriu unha placa en lembranza de todas as persoas perseguidas durante a ditadura
SAN SADURNIÑO placa victimas franquismo
9 Nov 2026

O Concello de San Sadurniño celebrou este sábado un acto de memoria democrática no que descubriu unha placa dedicada ás persoas represaliadas tras o golpe de Estado de 1936 e durante a ditadura franquista. A homenaxe tivo lugar na Casa do Concello e contou coa presenza de representantes municipais, investigadores e familiares das vítimas.

Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega aos netos de Juan Rilo Rodríguez, secretario municipal no momento do golpe militar, dunha resolución da Alcaldía que recoñece e repara oficialmente a súa memoria. Rilo foi detido, condenado nun consello de guerra a cadea perpetua, pena posteriormente conmutada por tres anos e catro meses de prisión, e apartado do seu posto de traballo polas autoridades franquistas.

O documento, asinado o 6 de novembro, recoñece a súa condición de vítima da represión ao abeiro da Lei de memoria democrática. A súa familia agradeceu o xesto e lembrou a importancia de non esquecer o sucedido durante a ditadura.

Unha placa para manter viva a memoria

A peza conmemorativa, realizada pola ceramista Carme Romero, incorpora referencias ás bandeiras republicana e galega. A composición representa unhas follas que caen sobre as mans dunha nena e se transforman en sementes, nunha alegoría da transmisión da memoria entre xeracións.

A concelleira Mari Carme Muíño destacou que o acto pretende saldar unha débeda colectiva coas persoas que sufriron a represión por defender ideas contrarias ás dos responsables do golpe. Pola súa banda, Henrique Sanfiz Raposo, da Asociación de Emisoras Municipais Galegas, incidiu na necesidade de divulgar unha parte da historia que permaneceu silenciada durante décadas.

A historia local antes e despois do golpe

Tras descubrir a placa, a actividade trasladouse á Casa da Cultura, onde o investigador Roque Sanfiz, do grupo Histagra da Universidade de Santiago, ofreceu unha charla sobre a vida política e social de San Sadurniño na primeira metade do século XX.

A intervención abordou o movemento agrarista e o papel de sociedades como A Moralizadora, creada a comezos de século para mellorar as condicións de vida no rural e impulsar a organización colectiva. Tamén lembrou a represión sufrida por veciños do municipio, entre eles Manuel López, coñecido como Manolo da Ferretaría, e José María Bello Pouso, así como o asasinato de dous veciños de Naraío en 1948.

A memoria continúa nas aulas e na biblioteca

A homenaxe forma parte do programa 'Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio', impulsado polo Concello coa colaboración da Deputación da Coruña e da Asociación de Emisoras Municipais Galegas.

A iniciativa continuará este luns cun encontro do club de lectura municipal arredor da novela gráfica A morte nas fragas, coa participación do ilustrador Carlos Sardiña e da guionista Anxos García Fonte. Ademais, o alumnado do CPI de San Sadurniño está a preparar un podcast sobre memoria histórica a partir da información e dos testemuños familiares recollidos durante un obradoiro.

0.10947108268738