Unha viaxe desde As Somozas permitirá descubrir Salamanca e Zamora nunha fin de semana

FerrolXa
A excursión, organizada pola Asociación de Veciños A Cañota en colaboración co Concello, será os días 3 e 4 de outubro e terá un prezo desde 150 euros
AS SOMOZAS excursion zamora
12 Sep 2026

A veciñanza das Somozas terá a oportunidade de coñecer dúas cidades históricas de Castela e León cunha excursión organizada pola Asociación de Veciños A Cañota, en colaboración co Concello das Somozas. A viaxe terá lugar os días 3 e 4 de outubro e incluirá visitas, aloxamento, comidas e desprazamentos.

A saída está prevista para as 7.30 horas desde A Toca. A primeira xornada estará dedicada a Salamanca, onde o grupo realizará unha visita guiada para coñecer o patrimonio e os principais puntos de interese da cidade. A programación tamén deixará tempo libre para que os participantes poidan percorrer pola súa conta o centro histórico.

O domingo 4 de outubro a expedición trasladarase a Zamora, onde os participantes disporán de tempo libre para descubrir a cidade. A xornada incluirá tamén un xantar conxunto antes de iniciar o regreso ás Somozas.

Prezos desde 150 euros

A actividade terá un custo de 150 euros para os socios da asociación e de 170 euros para as persoas que non sexan socias. O importe inclúe o desprazamento en autobús, o aloxamento nun hotel de tres estrelas, a visita con guía oficial en Salamanca, as comidas e o seguro de viaxe.

As prazas son limitadas e os socios da Asociación de Veciños A Cañota terán preferencia á hora de realizar a reserva.

0.11286401748657